A Consellería de Cultura e Educación impulsa a educación inclusiva co concerto ‘Arte pola igualdade’, no Conservatorio Profesional de Musica da Coruña

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu hoxe ao recital, interpretado por alumnos con necesidades educativas especiais do CEE María Mariño

Mér, 13/06/2012 - 19:11

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a apostar pola educación inclusiva, desta vez a través da organización da gala Arte pola Igualdade, celebrada hoxe no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu a este concerto, interpretado por alumnos con necesidades educativas especiais do Centro de Educación Especial María Mariño (A Coruña) que realizaron o curso preparatorio para o exame de acceso ao Grao Elemental que se vén desenvolvendo dende o mes de marzo no Conservatorio herculino. Ao concerto asistiu ademais o xefe territorial da Consellería na provincia da Coruña, Indalecio Cabana.

No recital os alumnos do CEE María Mariño interpretaron O Velorio. A continuación un grupo de profesores e alumnos do Conservatorio Profesional de Música interpretaron Ce heures la, de D. Dene Cheau; Cumbia, de Catiplana; La route des avaloirs, de B. Le Tron; Canción de Berce, de Celso Emilio Ferreiro con música de Bieito Romero; e Troquemos, canción tradicional. Finalmente, houbo unha actuación conxunta do conservatorio Profesional de Música e os alumnos do CEE María Mariño, os que interpretaron Redonda de Bande, Ribeirana, Fandango de Redondela e Danza entrelazada de Allariz.

Atención á diversidade

Deste xeito a Consellería pon manifesto o seu compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, á súa integración social e laboral, poñendo á súa disposición os mesmos servizos educativos e formativos cos que conta o resto da cidadanía, entre eles e neste caso, as ensinanzas reguladas de música.

Neste sentido cómpre salientar o labor do CEE María Mariño para facilitar a integración social e laboral dos seus 37 alumnas e alumnos alumnado, fomentando que cada un dos estudantes acade o máximo nivel de autonomía posible. Para acadar estes obxectivos de normalización e inclusión educativa, o CEE promove valores como a tolerancia, o respecto ás diferenzas e as actitudes de colaboración e axuda, para o que é imprescindible a profesionalidade dos 19 mestres que traballan no centro.

O curso preparatorio supuxo unha aposta pola innovación educativa, así como polo nivel de autonomía dos centros escolares. Así, este proxecto significou a incorporación de once estudantes, de entre 12 e 18 anos, con necesidades educativas especiais, tales como síndrome de Down ou síndrome de Williams, a sesións de formación musical de cara á proba de acceso ao Grao Elemental que se realiza o 21 deste mes. Un exame no que se avalían as aptitudes auditivas e vocais, rítmicas e psicomotrices dos alumnos,  aptitudes que estes alumnos desenvolveron ó longo deste cursiño.