O conselleiro de Cultura e Educación coñece as actividades de fomento da lectura desenvolvidas no Colexio Rural Agrupado de Nosa Señora do Faro de Ponteceso e Malpica

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe á comunidade educativa deste centro, cuxa biblioteca escolar leva recibido da Consellería máis de 21.500 euros

De feito, o CRA leva 7 cursos consecutivos participando no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

O titular do departamento educativo da Xunta salientou a participación deste colexio en proxectos innovadores a nivel europeo, grazas á implicación das familias, profesorado e alumnado

Ven, 25/05/2012 - 11:07
O conselleiro de Cultura e Educación coñece as actividades de fomento da lectura
O conselleiro de Cultura e Educación coñece as actividades de fomento da lectura desenvolvidas no Colexio Rural Agrupado de Nosa Señora do Faro de Ponteceso e Malpica

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, coñeceu hoxe de primeira man as actividades para o fomento da lectura entre os máis pequenos que se desenvolven no Colexio Rural Agrupado (CRA) Nosa Señora do Faro, un centro conformado por nove aulas dos concellos de Ponteceso e Malpica. Acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, Vázquez Abad visitou este centro, cuxa biblioteca escolar está integrada, por sétimo curso consecutivo, no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). Deste xeito, o centro leva recibido máis de 21.500 euros para estas actividades de impulso do hábito lector, que o departamento educativo da Xunta de Galicia está dinamizar no marco do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe.

Durante o seu percorrido polo centro, no que estudan 77 alumnas e alumnos de infantil e primaria, o conselleiro e o xefe territorial estiveron acompañados pola directora do centro, Rosa María Barreiro Carujo, e por membros da comunidade escolar do colexio. Así, Vázquez Abad aproveitou a visita para coñecer en primeira persoa as súas dúbidas e para compartir o seu interese pola mellora da calidade do ensino.

Ademais, o conselleiro tivo ocasión de felicitar a este centro por ter acadado o premio da categoría de Mellor Proxecto Infantil na edición deste ano de Voz Natura, o programa de educación medioambiental organizado pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. A Consellería xa tiña transmitido a súa felicitación, a través da Xefatura Territorial, á comunidade escolar do CRA, que recibiu este recoñecemento polas súas actividades de reciclaxe, reforestación e reutilización, e polo traballo desenvolvido con enerxías renovables.

Proxectos europeos

Ademais, o conselleiro interesouse polos proxectos que este colexio está a desenvolver no eido das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). O CRA conta cunha rede social 2.0 propia creada por eles mesmos, 'CraEscuela.net', coa que se contribúe á intercomunicación entre os membros da comunidade escolar. Trátase dun web que naceu no 2000, cando se creou a páxina www.craescuela.net., con contidos como contos escritos e sonoros de familias e nenos, unidades didácticas, unha biblioteca virtual, un memory game para xogar cos 30 mellores contos, e unha galería de debuxos, entre outros. Esta iniciativa foi premiada na School network en Estocolmo (Suecia).

Ademais, o centro ten participado en varios proxectos a nivel europeo como Aitmes.org, de creación de contidos con mobile learning - terminais móbiles para a creación de contidos educativos dixitais e a subida a web móbil en tempo real- no que mestres e familias se implicaron no estudo do patrimonio da zona; ou Chimer.org, de creación de contidos mobile learning sobre o patrimonio de cada zona, empregando o gps para realizar actividades de geocatching.

Dentro do CRA desenvolvéronse tamén dous proxectos no marco de Comenius, nomeadamente un museo virtual de flores e plantas e outro de Integración e Prevención.

Neste sentido o conselleiro salientou a implicación das familias, do profesorado e do alumnado, “que tanto procuramos impulsar desde a Consellería como motor fundamental para a mellora da calidade do ensino, e que é a que fai posible que un colexio como este, no rural, estea a participar en proxectos de nivel europeo, como Aitmes.org, Chimes.org, ou o Comenius”. “Penso que se trata dun exemplo para toda a comunidade educativa galega de que o esforzo de todos, o traballo conxunto con ilusión e na procura da innovación, é o que abre as portas a un ensino de vangarda”, engadiu.