A Consellería de Cultura e Educación participa na II xornada de novas tecnoloxías 'Educaclic'

O encontro, celebrado en Santiago de Compostela, entronca coa aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola integración das TIC no ensino

Mér, 23/05/2012 - 10:37
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jos
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, na II xornada de novas tecnoloxías ‘Educaclic’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na II xornada de novas tecnoloxías ‘Educaclic’, celebrada no Colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela). O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, representou ao departamento educativo da Xunta de Galicia nesta cita, que entronca directamente coa aposta da Consellería pola integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no ensino. Non en balde, cómpre recordar que o Proxecto Abalar ten chegado xa a chegou xa a 370 centros educativos, 1.465 aulas e preto de 32.000 alumnas e alumnos; e que o vindeiro curso está previsto que participen nel 550 centros educativos e 44.500 estudantes.

Durante a inauguración, o director xeral salientou o papel clave do profesorado na integración das TIC no sistema de ensino-aprendizaxe. “Todas as posibilidades que abren a tecnoloxía, a comunicación e a conectividade non servirían de nada sen unha firme educación en valores, responsabilidade primeiramente das familias, por suposto, pero tamén de vostedes, profesoras e profesores”, dixo.

Neste sentido, valorou a achega de xornadas como ‘Educaclic’ para coñecer experiencias, ferramentas de traballo e casos de éxito na utilización da tecnoloxía da información e comunicación nas aulas, o que “axudará a potenciar o uso das TIC nos centros, permitindo o acceso á innovación pedagóxica ligada á tecnolóxica como vías para acadar o obxectivo desa excelencia educativa”.

Así mesmo, o director xeral reiterou a aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola aplicación das TIC no ensino, na procura sempre da excelencia educativa, “o horizonte cara o que se dirixe a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria”.

Experiencias e boas prácticas

Durante o encontro de hoxe, dirixido a profesionais do ensino, formadores e educadores analizarán experiencias e casos de éxito e boas prácticas no uso das TIC nas aulas, co obxectivo de avanzar nas súas potencialidades didácticas.

Así, tras a inauguración, na que participaron o director do centro, Luis Peleteiro, expertos en global learning e un representante de Microsoft España; impartiranse varios relatorios. O primeiro deles, a cargo de Ovidi Barceló, do colexio bilingüe Julio Verne (Valencia), abordará as habilidades necesarias para a vida na sociedade do século XXI; mentres que Mª Dolores Martínez, do colexio Martí Sorolla (Valencia), analizará as aplicacións educativas para a aprendizaxe colaborativa e a motivación na aula.

Ademais, e tamén desde o colexio Julio Verne, Pablo García afondará nas posibilidades dos xogos nas TIC para desenvolver a creatividade e as habilidades dixitais dos estudantes. A xornada rematará co relatorio ‘Estender a aprendizaxe máis aló da aula. O novo caderno do profesorado’, a cargo de Ovidi Barceló.