A Mostra do Ensino 2012 analiza as vantaxes do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras posto en marcha pola Consellería de Cultura e Educación
Membros da comunidade educativa de centros con seccións bilingües e plurilingües intercambiaron experiencias e boas prácticas no congreso do evento
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad levou o ensino plurilingüe a máis de 40.000 estudantes de 560 centros educativos
A consellería duplicou no presente curso o número de colexios e institutos integrados na Rede de Centros Plurilingües de Galicia
Ven, 13/04/2012 - 18:49

Membros da comunidade educativa de centros con seccións bilingües e plurilingües analizaron as vantaxes do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco do congreso que se está a celebrar na Mostra do Ensino 2012. Na sesión da tarde deste evento, organizado polo departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad, docentes e un auxiliar de conversa nativo intercambiaron experiencias e boas prácticas desenvolvidas a partires da aplicación do devandito plan nos seus respectivos centros.

Tal e como explicou o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila – que moderou a mesa redonda-, Galicia duplicou do curso pasado a este o número de centros plurilingües, que superan xa o centenar en toda a comunidade autónoma. Actualmente, “hai máis de 450 centros en Galicia con seccións bilingües e 110 plurilingües, o que supón, en total, máis de 40.000 alumnos en máis de 560 centros”, explicou . “Estamos moi satisfeitos, porque xa cumprimos o obxectivo da lexislatura e aínda nos queda un ano”, engadiu Vila, quen destacou a “implicación enorme do profesorado” para poder lograr esta meta, que permite que “o 17% de todos os alumnos de Galicia estea en programas plurilingües”.

Experiencias en centros

No debate participaron diversos expertos, como Manuela Iglesias Baltar, directora do CEIP Vilar de Barrio, en Ourense, quen expuxo o modelo que se aplica no seu centro, na contorna rural e con 42 alumnos, que reciben ensino plurilingüe desde o curso pasado, ademais de estar incluídos no Proxecto Abalar e contar cunha aula virtual.

Pola súa banda, Hilda Fraga López, coordinadora do programa plurilingüe do IES Rafael Dieste da Coruña, asegurou que esta circunstancia “dálle carácter ao centro” e permite, entre outras vantaxes, mellorar as relacións internas.  “Son profesora de inglés desde hai dez anos. Agora teño alumnos que non se cohiben, que usan o inglés de forma máis natural, que son falantes efectivos dunha lingua estranxeira”, concluíu Fraga.

Segundo, Estevan Cochenet , auxiliar de conversa da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, estas institucións “son fantásticos centros de ensino de adultos” e defendeu o papel dos lectores coma el, que tratan de “garantir a espontaneidade, de que non haxa momentos en branco e de que todos falen; en definitiva, de perderlle o medo á lingua”. “Cada lector leva un anaco do seu país, con cancións, debates, reportaxes de televisión…  ata produtos gastronómicos, polo que o alumno cóllelle agarimo ao idioma”, relatou Cochenet.

A visión dos inspectores achegouna Isabel Serna Masiá, quen destacou entre os puntos fortes deste sistema a implicación de mestres e profesores, os procesos de innovación e a incorporación de novas tecnoloxías, a satisfacción obtida por alumnos e familias e, en definitiva, conseguir a democratización da competencia en comunicación lingüística.Ademais, realizou unha serie de propostas de mellora, que inclúen incrementar a cooperación, incluír auxiliares de conversa, implicar ás familias, fomentar o equipo de dinamización lingüística, elaborar un currículo integrado e renovar o proceso de ensino do profesorado.

Jesús Fidalgo Fernández, profesor de Física e Química no IES de Ames, recordou a implantación das seccións bilingües hai anos, nas que ao principio o profesorado “foi nadando como sabía, con mellor ou peor estilo” para poder dar as clases. Pola súa experiencia, impartir física e química en inglés achega unha “utilidade á educación, ao ‘para que me vale isto?’ que preguntan os alumnos”, o que ademais se pode medir en resultados externos como, por exemplo, a mellora de notas en inglés dos escolares en selectividade. “O importante non é ensinar en inglés, senón con e a través do inglés”, sentenciou.

Programa para o sábado

A xornada final da Mostra do Ensino e o Congreso estará dedicada a Diversidade e familia, e será de portas abertas á cidadanía. Ás 10 da mañá haberá una mesa redonda sobre “Convivencia, un labor de todos”, na que intervirán o xuíz José Antonio Vázquez Taín; o presidente de Confapa Galicia, Virxilio Gantes Gómez; o presidente de Congapa,  Jorge Javier Villarino Rodríguez-Rey; o director do Centro de Formación e Recursos de Ferrol, Manuel Losada Cabanas; e a avogada Beatriz Seijo Méndez. Esta mesa será moderada polo secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén Barcala.

Ás doce celebrarase outra mesa redonda co tema “Diversidade nas aulas: a inclusión como oportunidade para o sistema educativo”. Intervirán nela o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila; o director do centro de recursos educativos da Once en Pontevedra José Ángel Abraldes Rodeiro; o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González; e Manuel Rei Fernández, da Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa. Esta mesa estará moderada polo xornalista Manuel Ferreiro. Posteriormente ás 14 horas procederase á clausura deste evento.