A Consellería de Cultura e Educación formou xa a preto de 11.000 docentes no uso das TIC ao abeiro do Proxecto Abalar

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad impulsa a formación de coordinadores e profesores como eixo fundamental deste proxecto para a modernización do ensino

Docentes e familias teñen ademais á súa disposición máis de 960 recursos didácticos no Repositorio de Contidos Dixitais, un 26% máis que o curso pasado

Ven, 06/04/2012 - 10:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten formado xa a preto de 11.000 docentes –coordinadores e profesores implicados-  no uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no marco do plan de formación do Proxecto Abalar, polo que se están a transformar os centros educativos tradicionais en centros educativos dixitais.

Neste sentido cómpre lembrar que o Abalar naceu co obxectivo de impulsar un cambio de modelo educativo en Galicia apoiado na formación do profesorado e a modernización do ensino.

Para iso, a Consellería está a fomentar a cultura dixital na práctica educativa, imprescindible para acadar a integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo; o que se traduciu no deseño dun plan de formación específico para a habilitación do profesorado no uso das TIC na docencia, e na posta en marcha de charlas dirixidas ás familias.

Así, téñense formado a 434 coordinadores nos centros Abalar e 10.506 profesores, a través de 600 accións, o que supón máis de 25.000 horas de formación específica impartida. Doutra banda téñense impartido 238 charlas no marco do Plan Navega con Rumbo, e 220 charlas no do Plan Coñece o espazoAbalar, dirixidas a que as familias poidan coñecer as vantaxes que a plataforma do proxecto lles ofrece para o seguimento da vida académica dos seus fillos.

Tanto profesores como familias teñen á súa disposición, ademais, os diversos materiais didácticos que ofrece o Repositorio de Contidos Dixitais – enmarcado no espazoAbalar, plataforma web do Proxecto-, que conta xa con 960 recursos, un 26% máis que o curso pasado.

Premios innovación

Así mesmo, e para impulsar  a implicación do profesorado neste proxecto, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia impulsou, entre outras medidas, unha convocatoria de premios ao profesorado de centros sostidos con fondos públicos para o desenvolvemento de novos contidos educativos.

En total concedéronse 9 premios ao profesorado que desenvolveu novos contidos educativos dixitais en 2011 en diferentes materias e niveis educativos, uns contidos que xa se poden descargar no Repositorio de Contidos Dixitais.