A Consellería de Cultura e Educación abre o prazo para que os colexios e institutos soliciten se incorporen á terceira fase do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias para solicitar integrarse na Rede de Centros Plurilingües de Galicia ou contar con seccións bilingües

Ademais os centros poderán impartir cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE)

Ven, 30/03/2012 - 11:47

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre hoxe o prazo para que os colexios e institutos galegos soliciten a súa incorporación á terceira fase do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, a  estratexia coa que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad está a impulsar que as galegas e galegos reforcen as súas competencias noutros idiomas.

Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias polas que colexios e institutos poderán solicitar integrarse na Rede de Centros Plurilingües de Galicia ou contar con seccións bilingües o vindeiro curso académico 2012/2013, o terceiro de aplicación do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras – posto en marcha pola actual Consellería- no sistema educativo galego.

Así mesmo, hoxe publícase a convocatoria para o curso 2012-2013 de autorización da impartición do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, CUALE, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional.

No caso da Rede de Centros Plurilingües, os centros que desexen integrarse poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 30 de abril; mentres que os que desexen contar con seccións bilingües poderán solicitalo ata o 31 de maio. Para participar no programa de cursos CUALE os centros educativos deberán presentar a súa solicitude antes do 10 de xuño.

Expectativas superadas

Cómpre lembrar que a Consellería xa ten superado amplamente as expectativas establecidas nun primeiro momento para este Plan. De feito, neste curso 2011/2012 hai 110 centros plurilingües en Galicia, 52 máis que no 2010/2011; e 1.863 seccións bilingües, 344 novas respecto ao curso anterior. Así, só a través destas iniciativas, máis de 40.800 estudantes e profesores beneficiaranse dun ensino plurilingüe, o que supón superar as previsións anunciadas inicialmente para o Plan, polas que se estimaba que 40.000 galegas e galegos terían mellorado as súas competencias noutros idiomas ao final da lexislatura.

Coa publicación destas convocatorias no DOG o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad inicia a terceira fase do Plan, o que supón reforzar o seu compromiso coa capacitación das galegas e galegos nas linguas estranxeiras, competencia que se está a amosar fundamental en eidos como o do acceso ao mercado laboral.

Estadías

Cómpre lembrar que continúa aberto, no marco deste mesmo Plan de Potenciación, o prazo de solicitude para as 2.568 axudas para os alumnos e alumnas que queiran realizar actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras no 2012.

A convocatoria vai dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO, que poderán gozar de estadías formativas en Galicia para mellorar a súa competencia en inglés ou francés; e aos estudantes de bacharelato e os ciclos de grao superior de Formación Profesional, que desenvolverán as actividades formativas en Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña.

No caso do alumnado de bacharelato, convócanse prazas para actividades de aprendizaxe de inglés en Canadá e Reino Unido e de francés en Francia, cunha duración de tres semanas. Ademais repetirase unha experiencia especialmente enriquecedora posta en marcha pola actual Consellería, nomeadamente a integración dun grupo de 20 estudantes de 1º de bacharelato durante 4 semanas a principios de curso no sistema educativo canadense, compartindo aulas cos seus alumnos e profesores.

A Consellería convoca tamén, por segundo ano consecutivo, prazas para que o alumnado de ciclos formativos de grao superior realicen actividades de formación en inglés en Canadá e en alemán en Alemaña, cunha duración de 3 semanas.

No caso dos estudantes de 1º, 2º, 3º, e 4º da ESO e 6º de primaria, poderán optar a participar en actividades de inmersión en lingua inglesa que se desenvolverán en Galicia durante os meses de xullo e agosto con profesorado nativo, así como a prazas destinadas ao aprendizaxe de francés dentro da Comunidade, todas elas en períodos de 2 semanas.