Román Rodríguez enxalza o “papel fundamental” das bibliotecas escolares na formación académica e persoal do alumnado

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP entrega o Premio Clubs de Lectura 2024 a autora Arantza Portabales na XVI edición das súas xornadas anuais

Galicia é unha das mellores comunidades autónomas en competencia lectora segundo o último informe PISA, con 485 puntos, 11 e 9 máis que España e a OCDE

Mar, 14/05/2024 - 14:45
b

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou hoxe o premio Clubs de Lectura 2024 á escritora Arantza Portabales, que acada este galardón por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. “Soubo xuntar nas súas obras calidade, talento e singularidade, algo que conquistou aos mozos lectores”, afirmou o conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. “As bibliotecas escolares e os Clubs de Lectura son lugares de coñecemento, de innovación e de creatividade, algo que redunda nunha boa formación académica e persoal do alumnado”, destacou Román Rodríguez sobre o “papel fundamental” que xogan estes espazos.

De feito Galicia é unha das mellores comunidades autónomas en competencia lectora segundo o último informe PISA, con 485 puntos, 11 e 9 máis que a media de España e da OCDE. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.

Os recursos educativos

“Os Clubs de Lectura son unha proposta fundamental para o desenvolvemento persoal e colectivo da mocidade galega”, dixo o representante da Xunta de Galicia sobre este programa no que participan uns 450 centros. A través desta iniciativa, búscase fomentar hábitos de lectura entre os participantes e contribuír á creación dun ambiente proclive á experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.

Este programa, xunto co Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), Biblioteca Creativa, Radio na Biblio, Lectura e familias, Bibliotecas Escolares Solidarias e outras accións, enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe), a folla de ruta da Consellería de Educación neste campo. Este curso destináronse máis de 2,3M€ ás diferentes accións en materia de bibliotecas escolares incluídas no Plan, co fin de fomentar as competencias lectoras do alumnado.