A Xunta colaborará na conservación do valioso patrimonio educativo da Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee cunha achega de case 50.000€

O conselleiro de Cultura en funcións e a presidenta da entidade asinan senllos convenios para gastos de xestión e obras de mellora

Román Rodríguez pon en valor o papel desta entidade na salvagarda da herdanza do pasado educativo único do rural galego

Lun, 11/03/2024 - 15:14
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Fundación Fernando Blanco de Lema, Eva García Caamaño, asinaron hoxe senllos convenios de colaboración para mellorar e manter as instalacións do Museo Fernando Blanco, sito na localidade coruñesa de Cee. Á sinatura asistiu tamén o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Cunha achega próxima aos 50.000€, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia colaborará cos gastos de xestión desta institución cultural e sufragará as obras de mantemento necesarias. En concreto, a actuación inclúe limpeza de cuberta, substitución de pezas rotas e selado de patio de luces, impermeabilización interior, limpeza de canlóns, vernizado exterior, fachadas interiores e parámetros interiores.

A Fundación centra os seus esforzos na posta en valor da figura de Fernando Blanco de Lema e a promoción educativa e cultural da vila de Cee e da súa bisbarra, a través dos dous edificios que posúe na vila: o actual Instituto IES Fernando Blanco de Lema e a antiga Escola de Nenas, actualmente Museo Fernando Blanco.

Un pasado educativo único

Tal e como destacou Román Rodríguez, “este museo pon en valor o pobo de Cee como herdeiro dun pasado educativo único no rural, cunha etapa de esplendor a finais do século XIX e primeira metade do século XX, coincidindo precisamente coa fundación do Instituto Fernando Blanco”. “Neste sentido, a colaboración que hoxe subscribimos ten como obxectivo salvagardar non só o antigo edificio da Escola de Nenas, senón un valiosísimo patrimonio educativo”, salientou.

A colección que alberga o Museo está formada na súa maior parte polo instrumental científico e o material didáctico das antigas cátedras, laboratorio e gabinetes do vello Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX, entre os que se atopan medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica, óptica, etc. Cabe salientar tamén as coleccións de animais, minerais e fósiles.

Xunto a este material, a colección complétase co material didáctico doutras materias incorporadas ao centro ao longo da súa historia, coa documentación histórico-educativa e con fondos artísticos e pictóricos, entre os que se atopan as obras pictóricas de Federico Madrazo, gravados da Calcografía Nacional e unha colección de ourivería relixiosa.

O Museo Fernando Blanco tamén destaca o labor deste concello no aproveitamento integral do seu patrimonio histórico e como centro de dinamización cultural da comarca.