As universidades públicas galegas poden presentar xa as candidaturas dos máster ao selo de Excelencia outorgado pola Xunta

O recoñecemento ten unha duración de cinco cursos académicos e as titulacións que a obteñan poderán utilizala para as súas accións de comunicación e publicidade

Esta distinción poderá ser valorada para obter financiamento específico

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño

Dom, 23/04/2023 - 11:22
u

A Xunta acaba de abrir o prazo para que as universidades públicas galegas soliciten para os seus títulos de máster o selo de Excelencia. O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria para optar a esta distinción, que chega á súa cuarta edición. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño.

Este selo de calidade acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos. A distinción ten unha duración de cinco anos e as titulacións que a obteñan, tal e como establece a convocatoria, poderán ser valoradas para obter achegas económicas incluídas no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.

Cada universidade poderá presentar, como máximo tres solicitudes, tanto se as imparte en exclusividade como se figura como universidade coordinadora, no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades galegas de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2019-2020, e que continúe impartíndose na actualidade.

Criterios de avaliación

A convocatoria establece unha serie de criterios de avaliación para acceder a esta mención. Así, aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais valoraranse con ata 25 puntos. Tamén con ata 25 puntos se valorarán os resultados do máster, para o cal se terán en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings).

Con ata 20 puntos, valorarase a estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención; mentres que poderán recibir ata 15 puntos polo plan de estudos (porcentaxe de prácticas, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras) e polo profesorado do máster con aspectos como os méritos, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.

Por último, o apartado de Emprendemento, no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, permitirá conseguir ata 10 puntos.

En total son nove as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa, un selo implantado hai tres anos.

As primeiras titulacións que obtiveron este recoñecemento foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (ambos da Universidade da Coruña) e en Enxeñería Ambiental (Universidade de Santiago de Compostela) no ano 2020. No ano 2021 incorporaron este selo o máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo). Os últimos en sumarse foron os másteres en Matemática Industrial (impartido entre as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo), en Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) e en Produción Xornalística e Audiovisual (da Universidade da Coruña).