Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Publicado en Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.edu.xunta.gal/portal)

Inicio > As universidades públicas galegas poden presentar xa as candidaturas dos máster ao selo de Excelencia outorgado pola Xunta

As universidades públicas galegas poden presentar xa as candidaturas dos máster ao selo de Excelencia outorgado pola Xunta [1]

O recoñecemento ten unha duración de cinco cursos académicos e as titulacións que a obteñan poderán utilizala para as súas accións de comunicación e publicidade

Esta distinción poderá ser valorada para obter financiamento específico

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño

Gallego
u

A Xunta acaba de abrir o prazo para que as universidades públicas galegas soliciten para os seus títulos de máster o selo de Excelencia. O Diario Oficial de Galicia [2] publica a convocatoria para optar a esta distinción, que chega á súa cuarta edición. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 21 de xuño.

Este selo de calidade acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos. A distinción ten unha duración de cinco anos e as titulacións que a obteñan, tal e como establece a convocatoria, poderán ser valoradas para obter achegas económicas incluídas no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.

Cada universidade poderá presentar, como máximo tres solicitudes, tanto se as imparte en exclusividade como se figura como universidade coordinadora, no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades galegas de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2019-2020, e que continúe impartíndose na actualidade.

Criterios de avaliación

A convocatoria establece unha serie de criterios de avaliación para acceder a esta mención. Así, aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais valoraranse con ata 25 puntos. Tamén con ata 25 puntos se valorarán os resultados do máster, para o cal se terán en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings).

Con ata 20 puntos, valorarase a estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro), o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención; mentres que poderán recibir ata 15 puntos polo plan de estudos (porcentaxe de prácticas, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras) e polo profesorado do máster con aspectos como os méritos, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.

Por último, o apartado de Emprendemento, no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, permitirá conseguir ata 10 puntos.

En total son nove as titulacións que contan xa con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa, un selo implantado hai tres anos.

As primeiras titulacións que obtiveron este recoñecemento foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (ambos da Universidade da Coruña) e en Enxeñería Ambiental (Universidade de Santiago de Compostela) no ano 2020. No ano 2021 incorporaron este selo o máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo). Os últimos en sumarse foron os másteres en Matemática Industrial (impartido entre as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo), en Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) e en Produción Xornalística e Audiovisual (da Universidade da Coruña).

Información xeral [3]
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional [4]

URL fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/39711

Ligazóns
[1] https://www.edu.xunta.gal/portal/node/39711
[2] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230421/AnuncioG0655-130423-0005_gl.html
[3] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/123
[4] https://www.edu.xunta.gal/portal/taxonomy/term/206