Política Lingüística convoca 125 cursos de lingua galega para preparar as probas Celga en 2012

A secretaría xeral programa unha parte desta oferta de formación e ofrece a posibilidade de que colectivos e entidades tamén poidan organizar cursos Celga

Para esta adxudicación, daráselles prioridade ás solicitudes das entidades locais que estean adheridas á Rede de Dinamización Lingüística

O prazo de solicitude remata o día 30 de xaneiro

Esta oferta de formación completarase cunha convocatoria de cursos en liña específica para preparar os exames do Celga 1 que se publicará en marzo

Os próximos exames para obter a acreditación de coñecemento de lingua galega realizaranse os días 2, 3, 9 e 10 de xuño

Mér, 11/01/2012 - 17:00
Política Lingüística convoca 125 cursos de lingua galega para preparar as probas
Política Lingüística convoca 125 cursos de lingua galega para preparar as probas Celga en 2012

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para o ano 2012 un total de 125 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. O Diario Oficial de Galicia do 9 de xaneiro publica a orde pola que se anuncia esta oferta de formación, voluntaria e gratuíta, dirixida a particulares (adultos) que desexen participar nos cursos e tamén a colectivos, entidades e/ou asociacións interesados en organizalos.

O obxectivo é facilitar a participación do maior número posible de persoas interesadas. Para isto, a secretaría xeral realiza unha oferta de cursos de programación directa que se impartirán nas cidades e, ao mesmo tempo, ofrece a posibilidade de que as entidades, colectivos ou asociacións, que pola súa proxi¬midade á cidadanía coñecen de forma directa a demanda e as necesidades de formación de lingua galega no seu ámbito, poidan tamén organizar cursos.

Criterios de adxudicación para entidades e colectivos

Entre as solicitudes formuladas por entidades, colectivos e asociacións valorarase que conten cun número mínimo de 20 persoas preinscritas para participar nos cursos e procurarase realizar unha distribución xeográfica atendendo ás áreas comarcais. No caso de que nunha mesma área non se poidan atender todas as solicitudes, dará¬selles prioridade ás solicitudes presentadas por aquelas entidades locais que estean adheridas á Rede de Dinamización Lingüística e tamén a aquelas entidades que se agrupen para solicitar a impartición do curso.

Tanto os cursos destinados a particulares coma os organizados por entidades ou colectivos terán unha duración de 70 horas e desenvolveranse entre febreiro e maio. As persoas interesadas en asistir aos cursos e os colectivos que desexen organizalos deberán dirixir as súas solicitudes aos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da provincia que corresponda ata o 30 de xaneiro.

Aqueles cursos que programe directamente a secretaría xeral realizaranse fundamentalmente nas sedes das escolas oficiais de idiomas e tamén en espazos de titularidade da Xunta de Galicia, principalmente en centros educativos.

Cursos en liña

Esta oferta de formación completarase cunha convocatoria específica de cursos en liña para preparar a proba do Celga 1, que sairá publicada no web da secretaría xeral, http://www.xunta.es/linguagalega no mes de marzo.

Probas Celga 2012

A asistencia aos cursos non implica a expedición de ningún tipo de certificación ou diploma de asistencia. Para obter a acreditación do nivel de coñecemento e dominio da lingua galega, as persoas interesadas terán que realizar as probas Celga correspondentes. En 2012, os exames terán lugar os días 2, 3, 9 e 10 de xuño para os niveis Celga 4, 2, 3 e 1, respectivamente e o prazo para a inscrición remata o 3 de abril de 2012.

Á convocatoria de exames de xuño de 2011 presentáronse un total de 3.202 persoas, das cales 1.732 persoas obtiveron a certificación oficial de coñecemento da lingua galega.

Materiais para preparar as probas

Ademais de preparar as probas Celga a través destes cursos, tamén é posible facelo de xeito autodidacta, preparando por libre o programa do nivel do Celga ao que se quere optar. Tanto para unha opción como para a outra, a secretaría xeral ten no seu web, a disposición da cidadanía, materiais de utilidade para preparar as probas de cada nivel, entre os que se inclúen os manuais da colección Aula de Galego, así como diversos modelos de exames das probas realizadas nos últimos anos.