A Xunta terá lista a rehabilitación integral do colexio Sequelo-Marín antes de que comece o vindeiro curso

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o centro para comprobar o avance dos traballos, nos que se invisten 824.206€

Román Rodríguez destaca que a obra permitirá acadar un aforro enerxético do 75% e redundará nun maior confort para a comunidade educativa

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para renovar os centros cun modelo pospandemia de espazos amplos

Ven, 27/05/2022 - 15:10
s

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá coa alcaldesa de Marín, Maria Ramallo, o colexio Sequelo-Marín, onde comprobou o avance das obras de rehabilitación integral que o seu departamento está a realizar neste centro por importe de 824.206€.

Segundo explicou o representante da Xunta de Galicia, “os traballos avanzan a bo ritmo e as obras estarán rematadas en torno ao mes de setembro, antes do inicio do curso”.

A actuación está orientada principalmente á mellora da eficiencia enerxética do inmoble. Para iso acométese a substitución da cuberta por unha nova de panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio, así como a instalación de sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) en fachadas e teito do patio cuberto.

No referido á carpintería exterior, un total de 181 fiestras, múdase por unha nova de rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo con persianas de aluminio con illante térmico. Ademais, entre outras melloras, colócanse luminarias de alta eficiencia enerxética, tipo LED.

Por outra banda, cámbianse as carpintería interiores de madeira e os falsos teitos, levántanse as reixas metálicas existentes en ocos de fachada e píntanse os paramentos. A maiores, motorízanse as fiestras do módulo central.

Máis de 4,4 M€ desde 2009

Tal e como sinalou o conselleiro, “todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético do 75%, ademais de redundar nun maior confort para a comunidade educativa do centro, que gozará dunhas instalacións plenamente renovadas de cara á súa nova etapa”.

A este respecto, Román Rodríguez indicou que se vai habilitar neste colexio unha aula de Infantil, “convertíndoo nun CEIP e dando resposta ás necesidades educativas do concello de Marín”.

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que esta obra se enmarca nun investimento de máis de 4,4M€ do Goberno galego en centros educativos de Marín desde 2009. “Forma parte, ademais, das actuacións previstas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para renovar as infraestruturas educativas galegas cun novo modelo pospandemia de espazos máis amplos e saudables e, por suposto, máis eficientes desde un punto de vista medio ambiental”, afirmou.