A matrícula das Escolas Oficiais de Idiomas incrementouse nun 25,4% nas ensinanzas regradas no que vai de lexislatura

O conselleiro de Educación presentou hoxe os datos de matriculación destes centros, que ofertan este curso 6.500 prazas máis que no 2008/2009

A oferta de cursos de formación do profesorado en linguas incrementouse nun 125%

A Consellería vén de reforzar as ensinanzas en alemán e chinés para dar resposta á demanda cidadá

Ven, 18/11/2011 - 13:16

Vídeo coas declaracións de Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (corte 1)

Vídeo coas declaracións do director xeral de Educación, José Luis Mira

Vídeo coas declaracións de Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (corte 2)

O conselleiro de Educación presentou hoxe os datos de matriculación destes centr
O conselleiro de Educación presentou hoxe os datos de matriculación destes centros, que ofertan este curso 6.500 prazas máis que no 2008/2009

As Escolas Oficiais de Idiomas rexistran este curso unha matriculación de 29.136 alumnos en ensinanzas regradas polo réxime oficial na modalidade presencial, o que supón 5.905 máis que no curso 2008/2009, un incremento do 25,4% do alumnado destes cursos no que vai de lexislatura. Unhas cifras que ademais se verán incrementadas unha vez se dispoña dos datos de matriculación nos cursos específicos que ofertan este centros. Así o explicou hoxe o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que presentou en rolda de prensa os datos de matriculación das EOIs no presente curso 2011/2012, xunto co director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira.

Vázquez Abad salientou a aposta que a Xunta de Galicia vén facendo polo impulso da aprendizaxe de idiomas, fundamentalmente a través do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Neste sentido lembrou que esta iniciativa xa superou as expectativas marcadas nun primeiro momento. “Este curso, tan só nas seccións bilingües e centros plurilingües, máis de 40.800 estudantes e profesores poderán melloras as súas competencias en linguas”, dixo.

Isto supón, tal e como destacou o conselleiro, abrir á cidadanía galega a oportunidade de acceder á aprendizaxe de idiomas no marco do ensino público, “unha posibilidade que antes estaba restrinxida ás persoas con máis recursos económicos”.

Incremento da oferta

Vázquez Abad atribuíu o incremento de matrícula ao interese crecente das galegas e galegos por completar a súa formación en linguas, así como ao esforzo feito desde a Consellería para facer un uso eficiente de todas as posibilidades das EOIs. Neste sentido salientou que as Escolas Oficiais de Idiomas ofertaron este curso 6.500 prazas máis que no 2008/2009, un total de 41.235 prazas repartidas en 220 grupos para ensinanzas regradas.

A Consellería de Educación traballa para dar resposta ao medre da demanda cidadá nas Escolas Oficiais de Idiomas. Proba diso é, tal e como explicou Vázquez Abad, o incremento de grupos en alemán, un 9% máis que no curso anterior, que permitiu que 481 estudantes máis puideran matricularse este curso neste idioma, que xa acada un total de 2.361 matriculados.

“Ademais”, engadiu, “reforzáronse os grupos nos idiomas máis demandados como son o inglés, con 19.033 matriculados, ou o chinés, onde o alumnado aumenta este curso nun 24,36%”.

Formación do profesorado

Nesta mesma liña de incremento da oferta o conselleiro de Educación lembrou o impulso que o departamento que dirixe está a dar á formación dos docentes que desexen mellorar as súas competencias para impartir as súas materias en linguas estranxeiras. Co fin de que poidan obter o nivel de inglés B2 –esixido para impartir as clases nas seccións bilingües e centros plurilingües- as Escolas Oficiais de Idiomas ofertan este ano 126 cursos de formación do profesorado, un 125% máis dos que se ofertaban no 2008/2009. Neste marco púxose en marcha un novo itinerario formativo que se concreta nos cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC), dirixidos a que o profesorado poida acadar a certificación correspondente na lingua estranxeira na que desexe impartir a súa materia.

Vázquez Abad destacou o incremento dos cursos non ordinarios que se imparten nas EOIs – e nos que se enmarcan os devanditos de formación do profesorado-, ata chegar aos 191 este curso, fronte aos 88 que se ofertaban no 2008/2009. Deles destaca a ampla oferta de cursos dirixidos a sectores profesionais –comercio, mariño, audiovisual-, que se teñen multiplicado por tres no que vai de lexislatura, como froito da crecente demanda.

Novidades curso 2011/2012

Ademais da posta en marcha dos CALC, Vázquez Abad subliñou como novidades para este curso o reforzo das ensinanzas de alemán e chinés, así como a sinatura dun convenio coa Universidade da Coruña para que o alumnado da Diplomatura de Biblioteconomía e Documentación realice o ‘prácticum’ nas EOIs.

Pola súa parte, o director xeral de Educación, José Luis Mira, lembrou que o pasado curso se realizaron por primeira vez as probas homologadas de nivel básico para a certificación do alumnado dos cursos de formación complementaria para a aprendizaxe de linguas estranxeiras (CUALE) en inglés e francés, nas que participaron un total de 296 alumnas e alumnos.

Así mesmo Mira Lema lembrou que este é o primeiro curso no que as EOIs dispoñen dun Regulamento Orgánico de Centro específico, co fin de atender ás súas particularidades, ao abeiro do Decreto 189/2010, do 11 de novembro e da Orde do 5 de agosto de 2011 que o desenvolve.

Todas estas medidas, segundo explicaron os responsables educativos, enmárcanse na estratexia da Consellería de Educación para potenciar a aprendizaxe das linguas estranxeiras, tendo en conta o interese das galegas e galegos por acadar o dominio de outros idiomas, “algo fundamental na sociedade actual, tanto para o desenvolvemento académico como para o profesional e persoal”, segundo incidiu o conselleiro.