Título node Learning object

Guía didáctica "En deuda con todas"
Xov, 16/09/2021 - 14:22
portada da guía

A Asemblea de Cooperación pola Paz Galicia (ACPP Galicia) acaba de publicar a guía didáctica En deuda con todas, un recurso destinado a traballar os dereitos sexuais e reprodutivos (DSR) coa adolescencia e contribuír á loita global das mulleres na súa reivindicación e dende unha perspectiva feminista. A guía didáctica toma como punto de partida o documental do mesmo nome. Trátase dun documental social no que se dá voz ao movemento feminista salvadoreño para visibilizar a vulneración dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e nenas, especialmente aquelas que están en situacións de vulnerabilidade. O traballo foi realizado por Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) e APROCSAL (Asociación de Promotoras e Promotores Comunitarios do Salvador). Foi presentado en 14 festivais internacionais e acumula máis de 4.000 visualizacións en internet.

Este recurso educativo está especialmente dirixido a docentes e entidades que traballan coa mocidade para ofrecer ferramentas coas que traballar os DSR nun espazo de confianza, ofrecendo información que permita corrixir mitos e crenzas erróneas que xeran discriminacións. Para iso, a guía divídese en dúas grandes partes:

  • unha primeira na que se ofrece un contexto teórico que permite obter unha visión global sobre os DSR como parte integrante dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS)
  • e unna segunda parte na que se presenta unha serie de dinámicas para traballar coa mocidade dende aquelas destinadas a comprender o documental como outras para dar a coñecer e visibilizar os DSR.

A guía didáctica intégrase no proxecto “Elas deciden”, un proxecto financiado pola Xunta de Galicia que se enmarca nunha estratexia da ACPP destinada a sensibilizar sobre os procesos de apoderamento das mulleres a un e a outro lado desta “liña” Sur-Norte global, fomentando o coñecemento sobre a realidade dos países nos que traballan e contribuíndo a sensibilizar sobre as dinámicas globais que xeran graves desequilibrios e sobre as súas consecuencias.

Pódese consultar un adianto da guía na seguinte ligazón.

Pódese solicitar un exemplar da guía a través do seguinte formulario.