A Xunta eleva a máis de 4.800 as seccións bilingües en centros educativos de toda Galicia

Autorízanse 225 novas para o vindeiro curso 2021/22 en 106 centros diferentes

Ademais 1.252 alumnos de 35 centros participarán no programa de cursos de formación complementaria en linguas estranxeiras, que incorpora o portugués

Un total de 465 colexios e institutos serán plurilingües o vindeiro curso

Mar, 10/08/2021 - 11:12

A Xunta de Galicia vén de elevar a 4.872 o número de seccións bilingües en centros educativos de toda Galicia para o vindeiro curso 2021/22. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade acaba de autorizar 225 seccións novas, en 106 centros de ensino de Primaria, ESO, Bacharelato e FP. Este programa supón a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística que se cursa dun xeito bilingüe nunha lingua cooficial e nunha lingua estranxeira utilizada como mínimo durante o 50% do horario lectivo. A relación das novas seccións bilingües autorizadas pode consultarse no Portal Educativo.

Por outra banda, o departamento educativo do Goberno galego vén de autorizar a 35 centros educativos a participar no Programa CUALE (cursos de formación complementaria en linguas estranxeiras), cun total de 1.252 alumnos beneficiados.

Ao abeiro deste programa (que este ano, ademais de inglés, francés e alemán, inclúe como novidade o portugués), o alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de Formación Profesional da comunidade pode preparar as probas de certificación das escolas oficiais de Idiomas (EOI) dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas. A formación que recibirá o alumnado é gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo.

O CUALE desenvolverase en catro modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que superasen todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados en 3º. A modalidade CUALE A2 está dirixida ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Por outra banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de Bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas. As modalidades CUALE B2 serán para o alumnado de Bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado del nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas (EOI) ou outros certificados do nivel B1 do MCERL.

O profesorado encargado de impartir o CUALE, docentes de ensinanza secundaria de lingua estranxeira, realizará probas ao final do curso en cada nivel. A superación destas probas supón a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, e dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EOI, no resto das modalidades. Para a obtención dos certificados oficiais é necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano.

Crecemento do modelo plurilingüe

Deste xeito, fortalécese o modelo educativo plurilingüe de Galicia, que medrou de xeito moi significativo desde a súa posta en marcha hai pouco máis dunha década. Non en balde, o número de seccións bilingües multiplicouse case por sete respecto das 720 que había no curso 2008/09. Ademais, nesta última década un total de 465 colexios e institutos (42 deles de nova incorporación este ano) convertéronse en centros plurilingües, podendo impartir ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira. Para dar apoio tanto a estes centros como ás seccións bilingües, a Consellería pon ao servizo da comunidade educativa un total de 628 auxiliares de conversa neste ano académico, o que significa multiplicar por dez os do ano 2008.