A Xunta amplía ao conxunto do alumnado as probas de certificación en linguas estranxeiras que ata o de agora se cinguían aos Centros Plurilingües

Convócanse 5.000 prazas dirixidas ao alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional en centros públicos que non forman parte da Rede Plurilingüe

Con esta iniciativa os alumnos teñen a posibilidade de obter unha acreditación de certificación en lingua estranxeira, que ata o de agora só se ofertaba para os centros que teñen implantado o plurilingüismo

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade financia con 100€ a cada un dos alumnos que sexan seleccionados polos centros para presentarse ás probas

Dom, 20/06/2021 - 10:00

A Xunta de Galicia vai estender as probas de certificación en linguas estranxeiras ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xa que ata o de agora unicamente se aplicaban nos centros pertencentes á Rede de Centros Plurilingües.

A través do Portal Educativo, o departamento educativo que dirixe Román Rodríguez vén de convocar 5.000 prazas para as probas de nivel para a acreditación de competencias lingüísticas, desta vez dirixida ao alumnado que no curso 2021-22 estea matriculado en 4º de ESO, na etapa de Bacharelato ou en ciclos de Formación Profesional de centros públicos que non teñan implantado o modelo plurilingüe da Xunta.

Deste xeito, dáselle a oportunidade a estes alumnos de estar en pé de igualdade cos da Rede Plurilingüe, que desde o ano 2018 poden presentarse ás probas de acreditación específicas que ata o de agora se fixeron a través do Trinity College de Londres.

A Consellería habilita unha partida de 551.400€ para o financiamento destas probas, cunha contía de 100€ por proba e alumno que se lle outorgará a cada centro e que abranguerá a realización das probas das destrezas orais e escritas e a certificación correspondente.

A través da proba, que terá lugar preferentemente no 1º trimestre do curso 2021-22, o alumnado que participe nela poderá certificar a súa competencia lingüística nos niveis B1, B2 ou C1 do Marco Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa (MCERL). Cada alumno poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira, que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira. Cómpre lembrar que o B1 equivale a un nivel intermedio, e é o que requiren moitas universidades para poder titular.

As solicitudes deberán tramitalas os propios centros a través do formulario electrónico dispoñible e dispoñen de prazo ata o 30 de xuño para facelo.