A Xunta e ASOTRAME colaboran na inclusión no ensino do alumnado tras períodos longos de hospitalización

Difundirán a ‘Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado’

Román Rodríguez destaca a atención á diversidade como unha das liñas prioritarias do Goberno galego, en colaboración coas entidades directamente implicadas

Lembra que se está a elaborar un novo Plan de Inclusión

Dom, 18/04/2021 - 12:23
ASOTRAME

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea (ASOTRAME), Cristina Piñeiro, asinaron un convenio para colaborar na inclusión no sistema educativo do alumnado que sufre períodos longos de hospitalización. Unha liña de actuación que, tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, se enmarca na prioridade do Goberno galego de acadar o maior grao de inclusión nas aulas e ofrecer que cada alumno desenvolva ao máximo as súas capacidades, tanto no seu desenvolvemento académico como no persoal.

En concreto, ambas partes difundirán a Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado, un documento que servirá de axuda neste proceso ao círculo de persoas que rodean ao alumno durante a súa recuperación, e que se basea nas necesidades detectadas por persoas que xa viviron esta experiencia.

Así mesmo, a Xunta facilitará a colaboración do persoal profesional de ASOTRAME nos centros docentes para mellorar a sensibilización arredor desta situación e favorecerá a formación do profesorado neste ámbito.

Román Rodríguez quixo destacar a importancia da colaboración coas entidades que se dedican á atención á diversidade, directamente implicadas, coas que tamén está a contar a Xunta de Galicia para a elaboración do novo Plan de Inclusión no sistema educativo. “Unha nova folla de ruta que vai reforzar o noso exitoso modelo, que fai de Galicia a comunidade autónoma máis inclusiva do Estado, con máis do 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios”, destacou.

A escola como factor de normalización

A Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado busca involucrar a toda a comunidade (familias, docentes, persoal sanitario e auxiliar) no proceso de recuperación e reintegración do alumnado afectado por unha longa hospitalización na súa contorna académica habitual, minimizando as consecuencias emocionais, psicolóxicas e educativas, considerando a escola como un factor de normalización.

Neste sentido, propón actuacións directamente relacionadas co alumnado afectado e a súa familia como co centro educativo, o profesorado e os compañeiros do estudante. Así, recolle as situacións e emocións que se poden producir nesta circunstancia e propostas para abordalas (flexibilización das normas do centro, preparación do grupo de aula, fomento da comunicación, apoio personalizado...).

Para facilitar este traballo, a guía contén unha proposta de intervención no proceso de regreso ao centro educativo do alumnado tras a súa hospitalización, estruturada en nove actividades diferentes, en función da idade do estudante afectado, que teñen como obxectivo potenciar conceptos emocionais como a asertividade, a empatía e a resiliencia. As accións están enfocadas, así mesmo, cara ao autocoñecemento do alumno, a súa concentración, a relaxación e a proactividade.

Todas as actividades incluídas son multioperativas, de tal forma que poden aplicarse segundo as necesidades puntuais que vaian xurdindo en cada caso particular. O documento inclúe, así mesmo, recursos para o desenvolvemento das diferentes accións propostas.