Román Rodríguez sinala que Galicia avanzará nun modelo de escola plenamente inclusiva co novo Plan de atención á diversidade

A normativa aposta pola colaboración coas familias e os colectivos sociais para fomentar o talento do alumnado con necesidades especiais e poñer en valor as súas capacidades
Aborda por primeira vez o desenvolvemento social e emocional do alumnado e dos profesionais e impulsa a formación dos docentes
O texto introduce como novidade a flexibilización no Bacharelato e regula os plans específicos de reforzo e a atención educativa virtual
Recoñécese o papel do persoal coidador auxiliar e dos intérpretes de lingua de signos como recursos humanos ao servizo destes alumnos
Ven, 05/03/2021 - 12:30

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes de preto de medio cento de entidades relacionadas coa atención á diversidade, coas que avanzou nos traballos do novo Plan de Inclusión. O representante autonómico presentou o borrador da orde que regula este ámbito escolar, un novo texto normativo ao que estas entidades fixeron xa achegas e que, segundo sinalou o conselleiro, vai ser o elemento principal dun novo plan integral “para avanzar nun modelo de escola plenamente inclusiva, coa que queremos cambiar a expresión o alumno non é capaz de pola expresión o alumno é capaz de”, dixo.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a colaboración das entidades participantes na xuntanza e puxo en valor o traballo feito neste eido, que fai de Galicia a comunidade autónoma máis inclusiva do Estado, con máis do 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios.

Así mesmo, sinalou que o piar do “exitoso” modelo galego de inclusión educativa “son, precisamente, os docentes e todos os profesionais que cada día atenden a diversidade do alumnado galego” e lembrou que o sistema educativo da Comunidade conta con 4.000 profesionais neste eido. O conselleiro avanzou que, entre outras medidas, o Plan de Inclusión vai incluír unha ampla oferta de actividades de formación tanto para o profesorado, como para os profesionais da orientación e para o persoal non docente dos centros de educación especial.

Román Rodríguez explicou que a nova folla de ruta proposta pola Xunta aposta pola máxima colaboración entre todos os implicados, con especial atención ás familias e ás entidades colaboradoras. “Só así se entende e se constrúe a escola inclusiva, un obxectivo no que imos polo bo camiño, no que temos moito avanzado, e no que espero que deamos un salto cualitativo con esta estratexia”, incidiu.

Por iso, por primeira vez ten en conta o papel da familia como “recurso imprescindible no que representa o desenvolvemento integral dos alumnos”, e fai fincapé na importancia da coordinación tanto entre os diferentes profesionais que atenden ao alumnado como entre os distintos centros polos que pasa ao longo da súa vida académica, especialmente nas transicións entre etapas ou ensinanzas.

O texto aborda, tamén por primeira vez, o desenvolvemento social e emocional do alumnado e do profesorado mediante actuacións de actualización profesional, a innovación, a protección ou a promoción do talento como aspectos que contribúen de forma moi relevante na conformación da súa identidade persoal e en promoción da calidade do sistema educativo.

Prevención e calidade

A orde sinala a prevención como principio e subliña a importancia da detección precoz das necesidades especiais do alumnado. Para isto, fixa a avaliación inicial como factor preventivo por excelencia, ao tempo que establece a calidade como principio de actuación en todos os procesos. Como novidade, e poñendo a atención na diversidade, o texto introduce a flexibilización da duración do período de escolarización na etapa de Bacharelato. Ademais, este borrador tamén recolle a atención educativa virtual, que xa está a funcionar para atender os casos de vulnerabilidade.

Recursos humanos

No que atinxe aos recursos inclúese por primeira vez nesta categoría o persoal auxiliar coidador e os intérpretes de lingua de signos –a maiores dos especialistas en Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe – e fíxase o procedemento para a súa solicitude de incorporación aos centros.