O Plan de Benestar Emocional pon a disposición dos centros educativos 24 actividades para previr e atenuar a influencia da pandemia

Román Rodríguez salienta que o novidoso plan servirá “para avanzar nun modelo no que os centros son moito máis ca un espazo de docencia, tamén lugares de convivencia nos que aprender valores como a confianza nun mesmo”

O obxectivo é suavizar o efecto de covid no desenvolvemento académico, reforzar a autoestima e favorecer as actitudes positivas fronte aos problemas

O Plan inclúe tres fases: detección, fortalecemento da resiliencia e as competencias emocionais e consolidación e preparación do próximo curso

Distribúe propostas didácticas en catro eixos -Conecta, Respecta, Regula e Vive- para facilitar a súa aplicación sinxela por parte de todo o profesorado

Mér, 17/02/2021 - 13:44

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe o Plan de Benestar Emocional, unha estratexia integral aprobada a pasada semana polo Comité Educativo que asesora ao Goberno autonómico. O documento busca previr posibles problemáticas derivadas da pandemia tanto entre o alumnado, para que este tipo de situacións non afecten ao seu desenvolvemento académico, como no profesorado, a quen achega numerosas ferramentas cun enfoque pedagóxico, metodolóxico e sanitario.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que a actual situación de covid-19, coa que levamos convivindo case un ano, pode xerar na comunidade educativa angustia, estrés ou ansiedade, “pois os colexios e institutos non son alleos ás difíciles situacións persoais e laborais que moitas familias están afrontando”, afirmou. A folla de ruta que supón este plan “ten por obxectivo dotar aos centros de ferramentas e recursos para afrontalo da mellor maneira posible”, resumiu.

“Este plan servirá para avanzar nun modelo no que os centros son moito máis ca un espazo de docencia, no que tamén son lugares de convivencia nos que aprender valores como a autoestima ou a confianza nun mesmo”, declarou o conselleiro.

O obxectivo é favorecer a resiliencia, a través do reforzo dos procesos que integran a capacidade para afrontar as adversidades e saír fortalecido delas, así como un mellor desenvolvemento das competencias sociais e emocionais para manexar situacións deste tipo de forma apropiada e impulsar elementos relacionados coa autoxestión persoal como a autoestima, a actitude positiva diante da vida, a responsabilidade, a capacidade para buscar axuda e recursos ou a intelixencia interpersoal, entre outros.

Agradecemento aos profesionais implicados

Román Rodríguez estivo acompañado na rolda de prensa por parte dos expertos que elaboraron o plan, en concreto por María Victoria Fernández, do Equipo de Orientación Específico (EOE) da Coruña, e Luis Sánchez Santos, pediatra de atención primaria; ambos membros do grupo de inclusión do Comité Educativo. A ambos, e a este grupo en xeral, quixo agradecer o seu traballo, un recoñecemento que tamén fixo extensivo ao profesor Ángel Carracedo, que colaborou na elaboración do documento.

Así mesmo, puxo en valor as achegas do grupo de traballo constituído no seo da Consellería de Educación o pasado ano para analizar a situación dos centros desde o punto de vista da saúde emocional, aportacións que serviron de base para este plan.

Medidas inmediatas e a longo prazo

O plan presentado hoxe e compartido coa comunidade escolar vaise trasladar aos centros co fin de mellorar o benestar emocional da comunidade escolar, entendido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o “estado de ánimo no cal a persoa se dá conta das súas propias aptitudes, pode afrontar as presións normais da vida, pode traballar de xeito máis produtivo e pode facer unha contribución á comunidade”.

Tal e como explicou o conselleiro, proponse unha intervención en tres fases para desenvolver o acompañamento ao benestar emocional nos centros educativos. A primeira delas, que se pon inmediatamente en marcha nesta segunda metade do curso, centrarase na detección e o acompañamento, mentres que a segunda terá como obxectivo o fortalecemento da resiliencia e da competencia emocional. A terceira fase será de consolidación, planificación e organización do curso 2021-22.

O Goberno galego busca deste xeito detectar as posibles incidencias na normalidade do ámbito educativo ocasionadas por problemas emocionais, abordalas desde unha perspectiva de redes de acompañamento na comunidade escolar e fortalecer as competencias que axuden a superar esta situación, para saír reforzados.

Pautas de observación e modelos de intervención

O obxectivo principal da fase 1 é detectar situacións de malestar, ansiedade ou sufrimento no conxunto da comunidade educativa e dotar de recursos para o acompañamento e intervención a través de redes de apoio que protexan á persoa ou persoas afectadas e reduzan a súa vulnerabilidade, creando espazos e tempos virtuais para compartir emocións e propostas.

Neste sentido, o plan propón pautas de observación para a detección de problemas de benestar emocional, así como modelos de intervención para o fortalecemento das redes xa existentes e a creación doutras novas.

Así mesmo, fai unha proposta didáctica grupal de educación emocional de 24 actividades estruturadas a través de catro eixos: Conecta, que favorece a creación de espazos de comunicación e escoita e a identificación das emocións propias e alleas; Respecta, dirixido a tomar conciencia dos novos cambios nos hábitos e relacións sociais tendo en conta as normas hixiénico-sanitarias derivadas da covid-19; Regula, que desenvolve aspectos relacionados coa regulación emocional e o afrontamento dos conflitos para aprender a tolerar a frustración e evitar situacións de estrés; e Vive, para o fomento de actitudes positivas, sentimentos de gratitude e solidariedade co fin de recoñecer o esforzo e xerar un beneficio común.

Formación para o profesorado e escolas de nais e pais

Estas 24 actividades diferentes son explicadas polo miúdo no plan, o que favorece o seu desenvolvemento por parte dos centros educativos. Ademais, todas as propostas comparten a mesma estrutura para facilitar o seu manexo, contemplan varios escenarios para dar resposta a calquera realidade que puidese derivarse da situación que estamos a vivir e inclúen unha autoavaliación para medir o grao de satisfacción acadado polo alumnado.

A segunda fase está centrada no mantemento do benestar e en dotar de instrumentos de resiliencia e mellora do afrontamento á comunidade educativa. Para conseguilo, proponse continuar traballando a través das devanditas 24 propostas didácticas e inclúense tamén nesta fase accións formativas a través da rede de formación, coa colaboración dos Equipos de Orientación Específicos.

Neste sentido, proponse unha formación específica para os departamentos de orientación, outra para os docentes, así como un curso para desenvolver no marco dos Plans de Formación de Profesorado en Centros. Así mesmo, proponse unha formación dirixida ás familias que se poderá abordar desde as propias escolas de nais e pais ou en actividades a través de plataformas dixitais.

Internet, videoxogos e hábitos saudables

O obxectivo principal da terceira fase é dotar os centros de recursos a medio e longo prazo e de planificar o curso 2021-22. Para iso, impulsarase a concienciación sobre os usos problemáticos de internet ou dos videoxogos, así como a formación para fomentar os seus usos saudables.

Por outra banda, fomentaranse as accións formativas e de concienciación específicas no ámbito da saúde mental para toda a comunidade educativa, con especial énfase no profesorado de secundaria. Tamén se impulsará a colaboración coas entidades que traballan no coidado do benestar emocional ou o traballo sobre este aspecto nos Contratos Programa e nos Plans de Convivencia dos centros, entre outras iniciativas que favorezan a construción de coñecemento neste eido e a difusión de boas prácticas dentro do propio sistema.