Galicia pide ao Goberno do Estado que conte coas CCAA no deseño dos fondos europeos para a educación, con criterios de reparto xustos e sostibles a medio prazo

O titular de Educación da Xunta, Román Rodríguez, participou na Conferencia Sectorial de Educación

Román Rodríguez ofreceu toda a colaboración para implementar as accións estratéxicas pechadas desde Madrid, pero reclama “unha verdadeira cogobernanza” e flexibilidade de acordo coas especificidades de cada territorio

Propuxo organizar un fondo específico para seguir facendo fronte aos gastos de xestión da pandemia no eido educativo, que se manterán no vindeiro curso

O conselleiro subliñou a necesidade de xestionar coa máxima eficacia, sostenibilidade e rigorosidade esta importante inxección económica de xeito planificado para evitar que o sistema económico quede hipotecado a medio prazo

A incidencia da covid no sistema educativo galego reduciuse nun 23% na última semana, con 900 casos menos, tras a subida en toda España no Nadal

Mér, 10/02/2021 - 14:21

Galicia comparte as liñas estratéxicas da educación do futuro centradas na dixitalización, na potenciación da FP e na equidade do sistema que foron prefixadas desde o Goberno do Estado sen contar coas CCAA, polo que agora a Xunta pide a participación autonómica na definición, o desenvolvemento e a planificación das accións concretas á hora do reparto de fondos europeos, así como criterios claros, transparentes e sostibles cunha planificación consensuada e rigorosa a medio e longo prazo.

Así o expuxo esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que desde Galicia ofreceu a máxima colaboración ao tempo que reclamou unha “verdadeira cogobernanza, que vaia máis aló da retórica” que conte coas CCAA posto que “somos as xestoras do sistema”.

O titular de Educación comparte as liñas de traballo xenéricas do Goberno central, pero bota en falta que non se lle dera a oportunidade ás comunidades autónomas de "enriquecer as propostas, con medidas que posibiliten unha aplicación máis concreta e máis acorde á realidade educativa de cada un dos territorios”.

Planificación eficiente dos recursos a medio e longo prazo

Na súa intervención ante a Conferencia Sectorial, o representante autonómico reclamou que os criterios de reparto dos fondos europeos para a educación deben ser “transparentes e xustos”, ao tempo que demandou “flexibilidade” á hora de aplicar en cada territorio as distintas accións.

“Pedimos colaboración e flexibilización real para a execución destes fondos en base ás características propias de cada autonomía”, dixo o conselleiro, quen advertiu da necesidade de acadar unha planificación eficiente “que non xere un gasto público insostible a medio prazo”.

Ademais, dado que a execución dos fondos esixe dunha importante estrutura administrativa (co desenvolvemento de convocatorias, procesos de contratación...), Galicia expuxo que sería necesario coñecer canto antes tanto as accións como a planificación temporal das mesmas, para non poñer en risco a súa viabilidade.

Fondo específico para gastos de adaptación covid no próximo curso

Doutra banda, Román Rodríguez aproveitou a súa intervención na xuntanza para plantexar a organización dun fondo específico para que as CCAA poidan seguir facendo fronte aos gastos de adaptación ao contexto covid no sistema educativo durante o próximo curso escolar, unhas medidas que en Galicia supuxeron máis de 160 millóns de euros ata o de agora.

O conselleiro advertiu que “setembro está á volta da esquina”, polo que, ademais de falar de futuro, “tamén temos que falar de presente” para garantir a seguridade nas aulas. De aí que propoña un fondo non condicionado para seguir mantendo os protocolos e as medidas fronte a covid no vindeiro curso.

Tamén aproveitou para facer un resumo da situación epidemiolóxica nos centros educativos galegos, onde nestes momentos hai un claro descenso de número de casos, cun 23% menos que hai unha semana, logo dos picos acadados tras as vacacións de Nadal cando os centros estiveron pechados.

Estas cifras reflicten que os centros educativos, tal e como aseguran as autoridades sanitarias, son lugares seguros onde, salvo casos puntuais, non hai transmisión interna. Pero é preciso seguir mantendo todos os protocolos e medidas para garantir a máxima seguridade de aquí a final de curso.

Todas as comunidades autónomas coincidiron no diagnóstico da situación sanitaria, cunha evolución alcista de casos tralas festas, derivada principalmente das interaccións sociais e familiares, en consonancia coa dinámica do conxunto da poboación.