O conselleiro de Educación dá a benvida aos novos auxiliares de conversa que se incorporan aos centros de ensino galegos no presente curso

Este ano produciuse un incremento dun 30 % o número de auxiliares de conversa con respecto ao pasado curso

Os centros plurilingües das zonas rurais contarán coa axuda de 18 mestres xubilados para o apoio a aprendizaxe lingüística

Mar, 04/10/2011 - 11:18

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou o acto oficial de acollida aos 361 dos novos auxiliares de conversa que no presente curso apoiarán aos estudantes e profesores na aprendizaxe de novas linguas.

No acto de recepción tamén estivo presente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, e o subdirector xeral de Ordenación, Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila. Xunto a eles estiveron un asesor técnico docente do Ministerio de Educación e unha asesora de idiomas da Consellería, Miguel García Caraballo e Elena Castro Villalón, respectivamente. Todos eles deron unha cordial benvida aos novos auxiliares de conversa, que asistiron acompañados polos membros dos equipos dos diferentes centros educativos receptores.

Nesta benvida o conselleiro agradeceu tanto a auxiliares como aos profesores titores dos centros educativos galegos o seu traballo para contribuír á mellora das competencias do alumnado galego en linguas estranxeiras. “Temos un binomio perfecto: auxiliares de conversa nas aulas e titores que os guían no seu tránsito por elas. Desde a Consellería de Educación somos plenamente conscientes de que e o traballo de cada docente se verá reforzado pola presenza destes nativos de outros países que hoxe nos acompañan”, destacou. Por outra parte, fixo referencia ao importante papel que xogan os 18 séniors, profesores nativos xubilados que prestarán o seu apoio en centros plurilingües do rural galego.

A todos eles Vázquez Abad ofreceulles o noso idioma, costumes, cultura, e “o máis valioso que temos, as nosas nenas e nenos, que son o  expoñente máis puro, sincero e directo dos seus maiores”. Ademais, o conselleiro invitou ao auxiliares a contar cadansúas historias na súa lingua propia. “O noso obxectivo é que o alumnado galego por comprendela nesa mesma lingua”, dixo.

Auxiliares de conversa

Durante a xornada os novos auxiliares de conversa recibiron información detallada sobre o Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras, impulsado polo departamento educativo da Xunta de Galicia. Cómpre recordar que este plan, destinado ao impulso e mellora das competencias idiomáticas dos estudantes galegos, gozou de gran acollida por parte dos centros educativos dependentes da Consellería. De feito a estratexia de fomento do plurilingüismo desenvolvida pola Consellería de Educación supera xa este curso, con máis de 40.800, o número de cidadáns beneficiados previstos para o final da lexislatura

O número de auxiliares de conversa que desenvolverán a súa labor nos 110 centros plurilingües públicos, 1.863 seccións bilingües e Escolas Oficiais de Idiomas, incrementouse chegando a un total de 339 auxiliares, isto supón un 30 % mais ca no pasado curso, e de máis dun 400% desde o comezo desta lexislatura.

Ademais dos auxiliares de conversa, o presente curso académico tamén contará co apoio de 18 mestres xubilados, que desenvolveran a súa labor de apoio a aprendizaxe nos centros plurilingües das zonas rurais.

Aposta polas linguas estranxeiras

Outra das novidades é que grazas aos distintos convenios de colaboración acadados pola Consellería, incorporaranse 3 profesores estadounidenses visitantes, que apoiaran o ensino do inglés en centros galegos durante todo o ano académico. Tamén se realizou un convenio coa Academie de Amiens, polo cal se incorporará 1 novo mestre, que pretende reforzar as competencias dos alumnos en lingua francesa.

Deste xeito e tendo en conta os auxiliares, os sénior e as devanditas colaboracións, no presente curso 2011/2012 serán 361 as persoas nativas que colaboren nos centros de ensino de Galicia, un 438 % máis das que había ao inicio da lexislatura

Entre todos os principios que rexen as actuacións do Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras, cabe destacar a formación de calidade para todas as galegas e galegos, que desexen mellorar as súas competencias idiomáticas noutras linguas, independentemente do seu lugar e recursos económicos. Deste xeito, o departamento educativo dirixido por Xesús Vázquez Abad, demostra a súa aposta pola educación pública de calidade, a través da posta en marcha de programas de formación lingüística que oferten as melloras oportunidades posibles para todos os cidadáns galegos.

Declaracións do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria