Carmen Pomar visita a EOI da Coruña, na que arredor de 4.500 persoas cursan estudos de dez linguas distintas

Xov, 20/02/2020 - 18:38
Carmen Pomar visita a EOI da Coruña, na que arredor de 4.500 persoas cursan estudos de dez linguas distintas

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta tarde a Escola Oficial de Idiomas da Coruña, onde cursan estudos arredor de 4.400 alumnas e alumnos en dez linguas distintas, que son alemán, árabe, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés.

Carmen Pomar coñeceu de primeira man os proxectos educativos deste centro, que participa nos programas Club de Lectura e Voluntariado de Bibliotecas. Trátase de dúas iniciativas enmarcadas no Plan Lía de Bibliotecas Escolares impulsada pola Consellería de Educación, a través das cales se traballa desde a biblioteca do centro como espazo para a dinamización da lectura, o fomento da convivencia, a inclusión e a solidariedade entre o conxunto da comunidade educativa.

Así mesmo, este centro está a desenvolver un proxecto de mobilidade do profesorado Eramus+ K1-104, de mediación e actualización en linguas estranxeiras (MEDAL), e dispón dun plan de formación permanente do profesorado sobre Mediación a través do teatro.

Cómpre destacar tamén que a EOI da Coruña conta con seis auxiliares de conversa, 2 en inglés e os outros en alemán, en chinés, en francés e en ruso.

A EOI da Coruña dispón ademais de cinco seccións que dependen dela (as de Arteixo, Carballo, Cee, Culleredo e Melide) que suman outros 1.200 alumnos matriculados.