Educación convoca o primeiro Premio de Excelencia FP Dual como recoñecemento ás empresas colaboradoras

Ademais créase o selo Empresa colaboradora de FP Dual
Unha das categorías do galardón está centrada en premiar os proxectos destacados no relativo ao impulso do rural
Dom, 16/02/2020 - 12:00

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o primeiro premio de Excelencia FP Dual, así como de crear o selo Empresa colaboradora de FP Dual. O obxectivo é dar visibilidade e valorar o labor que desenvolven as empresas e os seus titores no desenvolvemento desta modalidade da Formación Profesional.

Serán os centros educativos que impartisen estas ensinanzas no presente e pasado curso os que propoñan os candidatos para obter o premio de Excelencia FP Dual. Cada un deles propoñerá unha candidatura por cada unha das categorías do galardón, en concreto as de gran empresa, mediana e pequena empresa, asociacións, entidades colaboradoras, persoa titora de empresa e proxecto destacado (que premiará as actuacións relativas ao impulso do rural).

O premio diríxese ás empresas, asociacións empresariais e profesionais e outras entidades que colaborasen con proxectos de FP Dual nos cursos 2018/2019 e 2019/2020, Tamén optarán a el as persoas titoras que desenvolvesen o seu labor durante estes dous cursos.

Pola súa banda, o selo está dirixido ás empresas que veñen colaborando coa Dual desde a súa implantación no curso 2012/2013 ata a actualidade. Consistirá nun diploma acreditativo que se entregará nun acto público ás empresas que contribúen ao impulso e á difusión desta modalidade como factor clave na cualificación de capital humano para a mellora da empregabilidade do alumnado. 

O galardón enmárcase no Plan de Dinamización da FP Dual en Galicia, que ten entre os seus obxectivos lograr o maior achegamento entre a formación profesional e as empresas, de xeito que se atendan as necesidades de persoa cualificado dos distintos sectores económicos e se melloren as posibilidades de emprego do alumnado. Este plan conta con accións como a creación da Rede galega de dinamización da FP Dual (REGADual) ou o impulso de novos proxectos nesta modalidade (especialmente con pequenas e medianas empresas e no rural), entre outras.