A Consellería de Educación recoñece o traballo de 10 centros de ensino cos Premios Proxecta ás mellores iniciativas desenvolvidas ao abeiro destes programas

O obxectivo destes galardóns é consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes nos programas enmarcados nesta iniciativa
Sáb, 04/01/2020 - 10:18

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de recoñecer o traballo de 10 centros de ensino públicos galegos cos Premios Proxecta de Innovación Educativa 2019, dirixidos aos centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/19. O obxectivo destes galardóns é consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

Os centros galardoados nas dúas categorías do certame son os seguintes:

Premio

Categoría A (Infantil e Primaria)

Categoría B (ESO, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial)

1º premio (5.000 €)

CEIP Plurilingüe Frián- Teis (Vigo. Pontevedra)

IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia. Ourense)

2º premio (4.000 €)

CEIP Heroínas de Sálvora (Ribeira. A Coruña)

IES Carlos Casares (Vigo. Pontevedra)

3º premio (3.000 €)

CPI Plurilingüe Laureano Prieto (A Gudiña. Ourense)

IES Santa Irene (Vigo. Pontevedra)

Accésit (1.000 €)

CRA de Ribadumia (Ribadumia. Pontevedra)

CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño (Rubiá. Ourense)

 

IES Primeiro de Marzo (Baiona. Pontevedra)

IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas. Pontevedra)

 

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

No actual curso 2019/20 participan no Plan Proxecta 579 centros de ensino, preto de 148.000 alumnos e alumnas (un 7,46% máis ca no curso anterior) e máis de 8.200 docentes.