Educación manifesta a súa satisfacción coa incorporación de 47 novos centros á Rede de Centros Plurilingües de Galicia

A Consellería recorda que xa son máis de cen os centros que conforman esta Rede, en menos de dous anos

Mér, 13/07/2011 - 19:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar na súa páxina web o listado provisional de centros que conformarán a Rede de Centros Plurilingües en Galicia para o vindeiro curso académico.

A resolución

A Consellería manifesta a súa satisfacción porque en tan só dous cursos académicos xa son máis de cen os centros que conforman a rede. Cómpre recordar que para o 2011/2012 presentáronse 59 solicitudes, das que 47 cumpriron cos requisitos establecidos na orde do 12 de maio de 2011.

Dado o carácter provisional da resolución a Consellería recorda que aqueles catro centros solicitantes que non resultaron admitidos terán ata o vindeiro día 18 para achegar a documentación que lles foi demandada e que é precisa para conseguir a autorización para entrar na Rede. Cómpre sinalar que a orde do 12 de maio de 2011, era aberta a todos os centros sostidos con fondos públicos.

Ademais a Consellería recorda que está a realizar un importante esforzo tanto na formación do profesorado en centros públicos a través do programa PALE, nas Escolas Oficiais de Idiomas e en licenzas por estudos como na dotación de auxiliares de conversa para que cada vez sexan máis os colexios e institutos públicos que se incorporen á Rede de Centros Plurilingües en Galicia.

Dotación a centros públicos

Educación está a traballar na rede de centros públicos e seccións plurilingües que contan con auxiliares de conversa para apoiar, tanto ao profesorado como os estudantes sobre todo no ámbito da comunicación e formación en linguas estranxeiras.

O compromiso do Goberno galego co fomento do plurilingüismo no sistema educativo reafirmouse ademais nos últimos meses coa nova regulación dos centros plurilingües e seccións bilingües que funcionan nos centros de ensino da Comunidade Autónoma.