A conselleira Carmen Pomar visita as obras do CPI de Pontecesures, nas que se investirán 762.000 euros

Os traballos de rehabilitación integral permitirán un aforro de enerxía e maior confort

Ven, 30/08/2019 - 12:26
A conselleira Carmen Pomar visita as obras do CPI de Pontecesures, nas que se investirán 762.000 euros

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional visitou esta mañá o CPI de Pontecesures, onde o seu departamento está a acometer unha rehabilitación integral -enerxética e funcional- que suporá un investimento de 762.341,23 euros. Durante a visita a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

As obras de rehabilitación integral inclúen a colocación dunha cuberta de panel sándwich de 30 mm na cuberta dos edificios administrativo e no de infantil e o illamento da fachada polo exterior mediante sistema SATE, agás dos dous devanditos edificios, que ao ser de ladrillo cara vista levarán illamento mediante inxección na cámara de aire de perlas de poliestireno expandido.

Tamén se instalarán novas fiestras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e luminarias de alta eficiencia enerxética; medidas que combinadas coas anteriores accións suporán un aforro do 27,0 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 29,20 % en emisións de CO2.

A obra do CPI de Pontecesures completarase coa colocación de falso teito acústico no edificio de infantil, na segunda planta do edificio principal e no ximnasio, co pintado de paramentos e portas no edificio infantil e co pulido do pavimento de terrazo.

Unha parte dos traballos estanse a desenvolver ao longo do verán para interferir o menos posible na actividade do centro, aínda que, cando se compatibilice, farase baixo as máximas medidas de seguridade. Esta actuación forma parte do Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas da Xunta de Galicia e é posible grazas ao anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018

Durante a súa visita a conselleira animou ao centro a continuar implicándose o vindeiro curso nos diferentes programas de reforzo e innovación educativa que impulsa a Consellería. Neste sentido o CPI de Pontecesures xa forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), participou o pasado curso no Plan Proxecta e desenvolveu a liña dos contratos-programa dirixida ao reforzo, orientación e apoio ao alumnado.