O Goberno galego impulsa a FP Dual en Vigo a través dun acordo coa Cooperativa de Armadores de Pesca

As conselleiras de Educación, Carmen Pomar, e do Mar, Rosa Quintana, e mailos representantes de quince empresas do sector pesqueiro acordaron a implantación dun ciclo superior dual de Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións

Mér, 19/06/2019 - 11:09
O Goberno galego impulsa a FP Dual en Vigo a través dun acordo coa Cooperativa de Armadores de Pesca

O Goberno galego dálle un novo impulso á Formación Profesional en Vigo coa posta en marcha dun ciclo experimental de FP Dual no eido pesqueiro, grazas á colaboración de quince empresas do sector integradas na Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI). 

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e maila conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a posta en marcha deste ciclo dual de grao superior para a obtención do título superior de técnico de Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións que se impartirá no Instituto Marítimo-Pesqueiro do Atlántico, na cidade de Vigo.

O convenio tamén foi asinado polo presidente de ARVI, Javier Touza; e polos representantes das quince empresas participantes neste proxecto, que son Freiremar, Moradiña, Pesqueras de Bon, Febesa Cangas, Pescapuerta, Hermanos Gandón, Agustín Santomé, Pesquerías Carral, Stella Maris de Bueu, Armadora Pereira, Walvisfish, Gordejuela Pesca, Pescaberbes, Angelsonia Pesca e Viverdreams Fish.

Grazas a este acordo de colaboración, un total de 16 alumnos poderán cursar o vindeiro curso 2019-20 o grao superior dual de Organización do Mantemento de Maquinaria de Buques e Embarcacións, onde compaxinarán a formación académica (que se impartirá no Instituto Marítimo-Pesqueiro do Atlántico, dependente da Consellería do Mar) coa formación práctica nas instalacións das empresas asinantes do acordo.

En total, o ciclo consta de 2.000 horas de formación curricular que se repartirán a razón do 44% no centro educativo entre os meses de setembro e decembro do vindeiro curso, e o 56% restante como actividade profesionalizadora no centro de traballo entre xaneiro e xuño.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, subliñou que este acordo é un exemplo de dobre colaboración, por unha banda de carácter interinstitucional, -entre dúas Consellerías do Goberno galego-, e por outra de índole empresarial -grazas á implicación de 15 empresas- cun sector punteiro en Galicia e, especialmente na área de Vigo, como é a pesca.

Pomar destacou tamén que, ademais de ofrecer unha ensinanza de calidade “que a día de hoxe ten moito recoñecemento incluso fóra de Galicia”, unha das preocupacións do seu departamento é formar alumnas e alumnos suficientemente preparados para afrontar a traxectoria laboral logo de deixar as aulas. De aí que se faga especial fincapé en graos formativos que dean resposta ás demandas da realidade socioeconómica na que se insiren.

A conselleira do Mar, pola súa banda, destacou o aumento substancial das matrículas nas escolas náutico-pesqueiras de Galicia nos últimos anos pero lamentou a falta de relevo xeracional no sector, polo que defendeu a necesidade de facer máis atractiva a actividade na cadea mar-industria para as novas xeracións. Neste sentido, salientou que a nova FP Dual de Vigo suma a experiencia da comunidade académica ás necesidades do mar para acadar tres obxectivos: mellorar a formación enfocada ao sector pesqueiro, garantir o relevo xeracional e atallar a falta de tripulantes para o sector.

Para lograr ese relevo xeracional, Rosa Quintana asegurou que a Xunta manterá a súa aposta orzamentaria no eido formativo e lembrou que está a facer as xestións necesarias ante a Unión Europea para que o futuro Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP) inclúa achegas para renovar a frota co fin de evitar o seu avellentamento e facer máis atractivo este oficio para os máis novos. Esa renovación dos buques permitiría ter embarcacións máis conectadas con terra e máis habitables, o que redundaría nunha mellor calidade de vida a bordo ao converter o barco nun lugar máis confortable.

Oferta FP

A día de hoxe a Consellería de Educación está ultimando a nova oferta de Formación Profesional para o vindeiro curso 2019/20 que, tal como explicou Carmen Pomar, vai seguir incidindo nunha ampla oferta de prazas e de titulacións, no impulso da FP Dual co apoio e participación activa das empresas, e nunhas ensinanzas deseñadas para afrontar os novos retos de futuro, e incidindo en aspectos como o coñecemento de idiomas (mediante a incorporación dos centros de FP ao plurilingüismo e a definición dun módulo profesional en inglés técnico), a mellora das infraestruturas nos centros, a aposta pola innovación e o emprendemento.

Todo isto está recollido no Plan de dinamización da FP Dual de Galicia, que contempla un investimento de preto de 5 millóns de euros entre este e o vindeiro ano, co obxectivo de dar resposta ao crecemento vinculado coas demandas dos sectores produtivos e coa propia evolución da sociedade.

No conxunto da área metropolitana de Vigo concéntranse 16 centros públicos en 6 concellos que imparten FP, cunha ampla oferta de 20 familias profesionais, practicamente case a totalidade das que se ofertan en Galicia. E no caso concreto da cidade de Vigo, tan só de Dual, agora mesmo están en activo 10 ciclos formativos que suman máis dun cento de prazas repartidas en 4 centros públicos; unha modalidade que foi posible implantar grazas á colaboración con 18 empresas.

Declaracións de Carmen Pomar

Declaracións de Rosa Quintana