Carmen Pomar salienta o papel da catedrática Luz F. Pérez na posta en valor das altas capacidades nas mulleres

A conselleira de Educación presentou o relatorio da catedrática no MUPEGA

A profesora ofreceu unha charla baixo a organización da Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC)

Sáb, 08/06/2019 - 17:15
Carmen Pomar salienta o papel da catedrática Luz F. Pérez na posta en valor das altas capacidades nas mulleres

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou hoxe a charla aberta da catedrática de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade Complutense de Madrid Luz F. Pérez,  La estirpe de Isis en el S. XXI. Mujer, Inteligencia y Ciencia. Durante a súa intervención, a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o papel desta profesora na posta en valor das altas capacidades nas mulleres. O evento foi organizado pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC) e celebrouse no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA).

O relatorio versou sobre o coñecido como Estirpe de Isis, termo empregado para agrupar ás mulleres pioneiras no eido das artes, as ciencias e do estudo da intelixencia feminina. Neste sentido Luz F. Pérez abordou a necesidade de avanzar sobre as principais liñas de intervención educativa para favorecer as propostas de integración e óptimo desenvolvemento de nenas e adolescentes con altas capacidades, o que redundará nunha maior calidade educativa en xeral.

A doutora Luz F. Pérez coordina na actualidade o Programa de Doutoramento en Educación da Universidad Camilo José Cela e é directora da Cátedra Honorífica Intelixencia Superdotación e Talento da Universidade Liberquaré. Ademais dirixe o Grupo Internacional de Investigación Recoñecido Gifted and Talented”, é presidenta da Presidenta de la Sociedade Española para o Estudo da Superdotación e directora desde o ano 2000 do Seminario Internacional sobre Muller e Superdotación.

Como profesional dedicou a súa traxectoria ao estudo da intelixencia humana e a intervención psicopedagóxica no eido da diagnose e intervención psicolóxica infantil, especialmente no alumnado con necesidades específicas de atención educativa. Ademais súa experiencia e formación no eido das altas capacidades é moi ampla. Non en balde creou o primeiro programa español de enriquecemento para nenas e nenos con altas habilidades, o Programa Estrella; e dirixe o título universitario en Experto en Desenvolvemento da Intelixencia, Capacidade Superior e Neuropsicoloxía da Universidade Camilo José Cela.

A traxectoria de Luz F. Pérez conta tamén con un importante número de recoñecementos entre os que se contan o Premio Nacional de Investigación Educativa,  o Premio Cruz Roja a Proxecto de boas prácticas de inclusión social ou o Premio da fundación Síndrome de Down ao labor científico e social a favor das persoas con Discapacidade Intelectual, entre outros.