Educación convoca 1.125 prazas de estadías lingüísticas en inglés para alumnado de primaria e ESO

Durante unha semana os participantes compaxinan actividades educativas con outras lúdicas, que lles permiten poñer en práctica o uso deste idioma en situacións reais, sempre apoiados por profesorado nativo
O prazo para solicitar a participación nesta actividade, que é totalmente de balde para as familias, estará aberto ata o 1 de xullo
Os obxectivo desta English Week, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, é que os rapaces melloren as súas competencias en lingua inglesa
Xov, 23/05/2019 - 11:21

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar a English Week deste outono, un total de 1.125 prazas dirixidas ao alumnado de 6º curso de Primaria e dos catro cursos de ESO, para que realicen estadías lingüísticas en inglés que cada ano organiza a Xunta de Galicia.

As estadías, enmarcadas dentro da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, EDUlingüe 2020, son totalmente gratuítas para as familias, xa que a Consellería asume o custe das mesmas cunha partida de 561.000 euros destinados a sufragar os gastos de docencia e material escolar, de mantemento e aloxamento dos rapaces, a contratación dos monitores que os acompañan, as actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, os certificados e os seguros correspondentes.

Tal como se establece na orde que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, os centros escolares interesados en participar dispoñen de prazo desde mañá e ata o 1 de xullo para tramitar a correspondente solicitude. O número máximo de candidatos por centro será de 25 alumnos, todos do mesmo nivel educativo. E para a selección dos centros establécense unha serie de requisitos entre os que se priman cuestións como os contornos socioeconómicos menos favorecidos e os centros do ámbito rural.

Dez quendas de unha semana

As estadías desenvolveranse en dez quendas dunha semana de duración entre o 6 de outubro e o 14 de decembro deste ano. Deste xeito, os rapaces pasarán unha semana de domingo a sábado en réxime de internado nun campamento con profesores e monitores nativos en inglés, onde compaxinarán as actividades formativas con outras de carácter lúdico.

O obxectivo principal é proporcionar ao alumnado participante unha actividade  de  inmersión  lingüística  que  lles  permita  mellorar  as  súas  destrezas  de  comprensión  e  expresión  oral  en  lingua  inglesa. Para iso, organizaranse tanto actividades académicas como de tempo libre e obradoiros, de tal forma que se reforce a un tempo o programa ordinario do currículo dos alumnos e das alumnas e a convivencia entre eles, promovendo a comunicación en lingua inglesa entre os participantes.

Por primeira vez, o alumnado participante na English Week estará acompañado por un profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no devandito programa de inmersión nesta lingua durante o desenvolvemento da actividade.