O Goberno galego apoia a inclusión e a igualdade das nenas e nenos na práctica futbolística

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, participou na entrega de premios da II Xornada de Fútbol Inclusivo e Igualitario que impulsa a Fundación do Fútbol Galego coa colaboración da Xunta de Galicia

Mar, 21/05/2019 - 15:28
O Goberno galego apoia a inclusión e a igualdade das nenas e nenos na práctica futbolística

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na entrega dos premios da II Xornada de Fútbol Inclusivo e Igualitario celebrado na Estrada, e que organiza a Fundación do Fútbol Galego co apoio da Xunta de Galicia.

Carmen Pomar puxo en valor iniciativas coma esta “que permite a rapazas e rapaces de diferentes capacidades xogar xuntos e aproveitar os seus talentos diferentes” e que serven, sobre todo, para aprender a compartir, a convivir e a respectar. A conselleira de Educación destacou a importancia de inculcar as boas prácticas no deporte, o respecto ás normas e aos compañeiros, e de fomentar a cultura da aprendizaxe e do esforzo.

Iniciativas coma esta van na liña do compromiso da Consellería de Educación de avanzar nunha escola máis inclusiva. Precisamente o departamento que dirixe Carmen Pomar vén de convocar a primeira edición do Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva, co obxecto de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión educativa que se realizan nos centros docentes así como o recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos.

Impulsada pola Fundación do Fútbol Galego e apoiada pola Goberno galego, esta segunda Xornada de Fútbol Inclusivo está planificada como unha xornada de convivencia deportiva onde alumnado de centros, futbolistas, árbitros e docentes participan nun “mundialiño” entre varios equipos. A práctica futbolística complétase con seminarios sobre boas prácticas no deporte e actividades encamiñadas á promoción dos valores positivos no ámbito deportivo.

Na edición deste ano participaron nenas e nenos de entre 4º e 6º de Primaria dos CEIP Martagona (Melide), CEIP Figueiroa (A Estrada), CEIP das Mercedes (Lugo), CPI do Toural (Vilaboa), CEIP Plurilingüe da Ribeira (O Porriño), CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), CEIP Recimil (Ferrol) e CEIP de Roxos (Santiago).