O número de auxiliares de conversa no sistema educativo galego quintuplicará o vindeiro curso os que había ao inicio da lexislatura

Arredor de 340 destas persoas desenvolverán o seu labor nos centros plurilingües, seccións bilingües e escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación investirá máis de 1,7 millóns de euros para contar co apoio destas persoas nativas de países de fala inglesa, francesa, alemá e chinesa

Sáb, 18/06/2011 - 12:52

O sistema educativo galego contará o vindeiro curso con 5 veces máis auxiliares de conversa dos que había no curso 2008/2009, no marco do impulso que a Consellería de Educación está a dar ao plurilingüismo co Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Arredor de 340 destas persoas desenvolverán o seu labor de apoio á ensinanzas das linguas estranxeiras en na Rede de Centros Plurilingües de Galicia, nas seccións bilingües e nas Escolas Oficiais de Idiomas, o que supón un importante incremento respecto dos 262 que o fan no presente curso. Desta forma a Consellería continúa a desenvolver o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, cuxo obxectivo é que na presente lexislatura 40.000 galegas e galegas se beneficien dun ensino que lles permita acadar competencias en outros idiomas.

Con obxectivo de fomentar o plurilingüismo, a Consellería de Educación destinará máis de 1,7 millóns de euros a dotar de 269 auxiliares aos centros plurilingües e seccións bilingües, e de 31 ás Escolas oficiais de Idiomas. Deles, 278 serán nativos de lingua inglesa, 13 de lingua francesa, 7 de alemán e 2 de chinés. Ademais contarase con arredor de 40 auxiliares do Plan Integral de Aprendizaxe de Linguas.

Deste xeito contribúese a reforzar as ensinanzas de linguas estranxeiras, facendo fincapé na competencia oral. Ademais de apoiar o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en lingua estranxeira, os auxiliares representan un auténtico vehículo de achegamento á realidade cultural e lingüística do seu país de orixe, un elemento clave para reforzar a multiculturalidade.