Carmen Pomar subliña a consolidación do FP Innova como escaparate do liderado e a innovación da Formación Profesional galega

A conselleira de Educación destacou a aposta do Goberno galego por unhas ensinanzas de FP de calidade e adaptadas ao tecido socioeconómico, que recibirán un novo impulso cun plan específico de dinamización no ámbito da FP Dual para os próximos anos

Con motivo deste cuarto Congreso de Innovación da Formación Profesional, uns 36 proxectos innovadores e 18 miniempresas creadas por alumnado e profesorado de 51 centros poden visitarse ata mañá na Cidade da Cultura

Xov, 09/05/2019 - 15:58
Carmen Pomar subliña a consolidación do FP Innova como  escaparate do liderado e a innovación da Formación Profesional galega

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou hoxe que o FP Innova é xa unha cita consolidada como escaparate da Formación Profesional galega máis innovadora e emprendedora. A conselleira clausurou hoxe a xornada técnica da cuarta edición deste congreso, que durante tres días reúne en Santiago unhas 8.000 persoas entre alumnas e alumnos, docentes e profesionais, ademais doutros 6.000 visitantes estimados.

Carmen Pomar salientou a importancia deste evento na medida en que aglutina “os proxectos innovadores nos que se está traballando nos centros; o interese empresarial nesa innovación para facer os seus negocios máis competitivos nun mercado global; a presenza de milleiros de alumnas e alumnos, ben amosando o seu traballo, ben observando para decidir o seu futuro; así como o labor dos docentes que demostran a súa capacidade de motivación e liderado na procura dun mellor nivel formativo”.

Para a conselleira FP Innova 2019 é tamén sinónimo do “grande esforzo” que se está facendo desde os centros para potenciar unha Formación Profesional de calidade, adaptada á realidade socioeconómica galega mediante a especialización por sectores produtivos. Proba disto é que neste congreso se dan cita 51 centros e 67 empresas colaboradoras, con 36 proxectos de innovación e 18 miniempresas creadas polo alumnado e o profesorado no marco do Eduemprende.

Neste senso a conselleira aludiu ao apoio do Goberno galego por aproveitar as sinerxías entre as aulas e o sector empresarial con iniciativas como os viveiros de empresa ou a aposta pola FP Dual, á que se lle vai dar un novo impulso nos vindeiros anos cun plan de dinamización específico.

Ata a xornada de mañá, na que pechará as súas portas a feira, as persoas que se acheguen ata o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (onde se celebra o evento) poderán experimentar en primeira persoa coas novas tecnoloxías, participar nalgúns dos diferentes obradoiros sobre robótica aplicada, deseño e impresión 3D, experimentar con vehículos non tripulados ou con simulacións virtuais, e ver de cerca o traballo do alumnado de FP de Galicia en ámbitos como a electrónica, imaxe persoal, artes gráficas, téxtil, repostaría, técnicas culinarias ou coctalaría, entre outros.

O congreso completouse cunha xornada técnica celebrada onte e hoxe que incluíu relatorios de expertos e mesas de debate sobre o factor dinamizador da formación profesional na industria, o papel das mulleres na área STEM, a tecnoloxía 5G, o novo concepto de mobilidade, as novas tecnoloxías no sector marítimo-pesqueiro, ou os desafíos de compartir a vida con robots.