Dezasete centros públicos acadan os premios do V Concurso de traballos por proxectos na biblioteca escolar

A iniciativa enmárcase no Plan LÍA, que ten entre os seus obxectivos propiciar as metodoloxías activas e fomentar o traballo en equipo

Ven, 04/01/2019 - 11:21

Un total de 17 centros educativos públicos acadaron os premios do V Concurso de Traballos por Proxectos baixo a coordinación da biblioteca escolar, convocados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas interdisciplinarias ou de investigación nestes espazos.

O concurso conta con tres modalidades. A primeira delas vai dirixida a proxectos de carácter interdisciplinario ou Proxectos Documentais Integrados nos que participe un mínimo do 40% dos grupos existentes no centro (e un 40% dos departamentos no caso dos centros de Secundaria). Nesta modalidade foron galardoados o CEIP Nicolás del Río (Cedeira), o CEIP de Cervo (Cervo), o IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), o CEIP Plurilingüe Meaño-As Covas (Meaño), o CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño), o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo), o CEIP de Barouta (Ames), o IES Francisco Aguiar (Betanzos), o CEIP Valle- Inclán (O Grove) e o IES Pedra da Auga (Ponteareas).

A segunda modalidade, de proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, está dividida en tres sub-modalidades. Na de traballos de grupo/nivel resultaron premiados o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova) e o CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco de Valdeorras). No caso dos proxectos de investigación de ciclo/departamento os galardoados foron o CEIP da Torre-Cela (Bueu) e o CEIP Frián-Teis (Vigo). Na terceira sub-modalidade, de proxectos realizados ao abeiro da materia Investigación e Tratamento da Información (ou noutras similares), foi recoñecido o traballo do CPI San Vicente (A Baña) e do IES Xoán Montes (Lugo).

Finalmente na terceira modalidade, de proxectos  de investigación intercentros –ata un máximo de tres centros– os premiados foron o CEIP Nicolás del Río e o IES Punta Candieira, ambos de Cedeira, por un proxecto en común.

Esta convocatoria enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares 2016/20, que ten entre os seus obxectivos propiciar a aprendizaxe por proxectos e outras metodoloxías activas, empregando os recursos e servizos da biblioteca. Deste xeito favorécese o traballo en equipo, intercentros, así como o desenvolvemento das competencias clave e, en concreto, a mellora da competencia informacional e mediática (ALFIN/AMI).