Educación iniciará en decembro as obras de peche e cubrición da pista cuberta do CEIP Plurilingüe Irmáns Villar (Ourense)

Carmen Pomar visitou hoxe este centro e a Escola Oficial de Idiomas, onde este ano se oferta por primeira vez español para estranxeiros
Ven, 23/11/2018 - 11:28

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, na cidade das Burgas, onde anunciou que o seu departamento ten previsto iniciar no vindeiro mes de decembro –probablemente na primeira semana– as obras de peche e cubrición da pista cuberta previstas neste centro. No seu percorrido polo centro estivo acompañada polo alcalde, Jesús Vázquez Abad; pola delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira; así como pola xefa territorial da Consellería en Ourense, Luz Fernández Quintas, entre outras autoridades e membros da comunidade educativa.

Cun investimento de preto de 360.000 euros a actuación consistirá na construción dun peche perimetral e unha cuberta para a pista existente, configurando un espazo pechado para a práctica deportiva de 1.042 m². A estrutura, de formigón prefabricado, estará composta por 8 pórticos paralelos que se unirán entre si con paneis do mesmo material e con revestimento de chapa de aceiro microperforada. A cuberta, a dúas augas, será de panel sándwich de chapa metálica con illamento interior de espuma de poliuretano, e ademais reporase o chan da pista, de formigón armado de 15 centímetros de espesor. O prazo de execución da obra é de 3 meses e medio.

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a actividade deste CEIP que, ademais de ser plurilingüe, participa no programa de innovación Introdución á robótica educativa en primaria, polo que recibiu un kit de robots.

EOI

Tras o seu paso polo CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, e no marco da rolda de visitas que está a facer para coñecer a realidade e necesidades das diferentes comunidades educativas, a conselleira achegouse ata a Escola Oficial de Idiomas de Ourense. Carmen Pomar destacou o compromiso da Xunta de Galicia con este centro, que se ampliou o pasado ano. O investimento, de preto de 540.000 euros, permitiu dotar á Escola de seis novas aulas.

Esta obra veu dar resposta ao amplo interese que existe na cidade nas ensinanzas que este centro imparte. Non en balde, cómpre lembrar que a EOI de Ourense incorporou este mesmo curso á súa oferta as ensinanzas do idioma español para estranxeiros, un total de 60 prazas para os niveis A2 e B1.

A EOI de Ourense e as súas seccións contan este curso cun total de 2.309 matriculados en ensinanzas regradas, un 8,5% máis ca no curso pasado. Ademais de ofertar estes cursos nos idiomas alemán, inglés, chinés, francés, galego, italiano, portugués e español para estranxeiros; a Escola ten implantado o programa de inglés a distancia That’s English e organiza cursos de Linguaxe Administrativa galega, de Actualización Lingüística e Comunicativa para o Profesorado (CALC), para a obtención do certificado de competencia en lingua galega, CELGA, entre outros.