Carmen Pomar salienta a implicación dos centros do rural no desenvolvemento de programas educativos innovadores

A conselleira visitou o CEIP Plurilingüe de Oca, que conta cun auxiliar de conversa e participa desde hai anos en iniciativas como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares
Ven, 02/11/2018 - 12:46

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe de Oca, onde destacou a implicación dos centros do rural galego no desenvolvemento de programas educativos innovadores. A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu o traballo do profesorado e equipos directivos dos colexios pequenos, como é o caso do de Oca, que conta con 66 alumnos. Neste sentido, valorou especialmente o seu esforzo por implicarse e participar nas iniciativas que cada ano poñen en marcha tanto a Consellería como outras institucións para impulsar as novas prácticas educativas e fomentar o éxito escolar.

No caso concreto do CEIP de Oca cómpre salientar que forma parte da Rede Galega de Centros Plurilingües, polo que conta cun auxiliar de conversa nativo como apoio. Ademais o centro participa desde hai anos no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e desenvolveu programas do Plan Proxecta.

En materia de mellora da convivencia, o CEIP participa no programa Navega con Rumbo  polo Ciberespazo – organizado pola Xunta e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia dirixido a promover o uso seguro da Rede, evitando o ciberacoso e outros riscos de Internet– así como en obradoiros de habilidades sociais, educación emocional ou prevención de situacións violentas organizados por outras entidades.

No referido ao fomento dun estilo de vida saudable o colexio estradense participa en diferentes actividades deportivas, como o campionato Campo a Través, organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte, e ten en funcionamento un plan de merendas saudables para todos os cursos.

Confort e aforro enerxético

Por outra parte, a conselleira aproveitou a súa estancia no centro para comprobar o resultado das obras realizadas este ano para a reforma da carpintería exterior de fiestras, que supuxo un investimento de preto de 65.000 euros. A obra consistiu na substitución das ventás antigas por outras de PVC con rotura de ponte térmico e caixón de persiana incorporado. O obxectivo da actuación foi o de procurar un maior confort térmico, ao tempo que un aforro enerxético.

A de hoxe enmárcase na rolda de visitas que está a realizar a conselleira a centros de ensino de toda Galicia para coñecer de primeira man as realidades das diferentes comunidades educativas e as súas necesidades, así como para comprobar o desenvolvemento dos programas educativos que se impulsan desde o seu departamento.

Carmen Pomar estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez e polo alcalde da Estrada, José López.