O Centro Ramón Piñeiro analiza nunha xornada o seu papel como depositario de legados científicos

Trátase do terceiro dos encontros de traballo con que este centro de investigación dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística celebra os seus 25 anos de existencia

Valentín García Gómez participou esta mañá no acto de inauguración da xornada celebrado no Pazo de San Roque

Mér, 12/09/2018 - 13:14
O Centro Ramón Piñeiro analiza nunha xornada o seu papel como depositario de legados científicos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de inauguración da terceira das xornadas con que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) celebra os seus 25 anos de existencia, e que se desenvolven baixo o título “O Centro Ramón Piñeiro como recuperador de fondos e despositario de legados”. No acto, que tivo lugar no Pazo de San Roque, sede do CRPIH, o secretario xeral estivo acompañado polo coordinador científico do centro, Manuel González, e polo profesor Mathias Untermann, quen hai agora un ano lle fixo entrega ao Piñeiro do legado científico de seu pai, o lingüista alemán Jürgen Untermann.

Valentín García atribuíulle “ao traballo serio e constante dos investigadores do Piñeiro durante os últimos 25 anos” o feito de que o centro se convertese recentemente “en depositario de legados tan relevantes nos ámbitos da lingüística e da literatura como os de Aníbal Otero, Elixio Rivas, Jürgen Untermann ou, aínda non hai ben dous meses, Luísa Villalta” e asegurou que “o CRPIH responderá a esta confianza coa custodia, o estudo e difusión dos materiais que constitúen os ditos legados”. O secretario xeral puxo este labor en relación co de recuperación de publicacións e de textos dispersos e de difícil acceso para poñelos a disposición de investigadores e de público interesado “que esta institución leva facendo desde a súa creación”.

Xornada de análise dos legados recibidos

No último ano, o Centro Ramón Piñeiro fíxose depositario de catro relevantes legados: os dos lingüistas Jürgen Untermann, Elixo Rivas e Aníbal Otero e o da escritora Luísa Villalta. A analizar a relevancia destes legados e o papel do Centro Ramón Piñeiro na súa custodia e estudo dedicouse esta xornada.

O encontro abriuse cun relatorio de Luís Alonso Girgado, quen disertou sobre “A importancia do Centro Ramón Piñeiro na visibilización e accesibilidade de fondos históricos importantes da cultura galega”. Seguiron a esta intervención outras dúas, dos profesores Carlos Búa Carballo e Virgilio García Trabazo, centradas na figura do profesor Jürgen Untermann e a súa transcendencia para o coñecemento da realidade lingüística prerromana da península Ibérica. Tras un breve descanso, Ramón Mariño falou sobre “Elixio Rivas, o lingüista apaixonado pola nosa cultura material” e Antón Santamarina sobre “Aníbal Otero, unha figura clave no coñecemento do léxico e da dialectoloxía galega”. A xornada pechouse co relatorio de Armando Requeixo “O legado de Luísa Villalta, escritora referencial na literatura galega de entre séculos”.

25 anos do CRPIH

O CRPIH é un organismo dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Para conmemorar os seus 25 anos de actividade, ao longo de 2018 está a desenvolver un programa de actos conmemorativos que inclúe unha conferencia inaugural, catro xornadas temáticas e unha conferencia de clausura nas que se trata de dar a coñecer ao público a historia do centro, a transcendencia da investigación levada a cabo nel e o recoñecemento da súa centralidade dentro da pescuda en humanidades posta de manifesto nos legados de investigadores importantes, dos que o CRPIH é depositario.

Todas as actividades programadas celébranse no salón de actos do pazo de San Roque, sede do Centro. O programa completo pode verse en www.lingua.gal e en www.cirp.gal

Menús News node R