Educación impulsa a construción do novo colexio de Vilalonga, en Sanxenxo, cun investimento de máis de 4 millóns de euros

O conselleiro Román Rodríguez, acompañado do alcalde, Telmo Martín, visitou hoxe os terreos onde se ubicará a nova infraestrutura
Lun, 23/07/2018 - 14:22

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde de Sanxenxo, os terreos onde se vai construír o novo colexio de Vilalonga, na zona do Revel.

Esta nova infraestrutura educativa, que dará servizo ao alumnado escolarizado no actual CEIP Plurilingüe Cruceiro, suporá un investimento de arredor de 4,1 millóns de euros.

O novo edificio ocupará unha superficie total de preto de 15.000 metros cadrados e será liña 2 (isto é, dúas unidades por curso), cunha capacidade para un total 450 alumnos.

Ademais das aulas para uso estritamente educativo, o novo centro contará cun ximnasio e dúas pistas cubertas. Non obstante, todos os detalles de carácter construtivo quedarán recollidos de xeito pormenorizado no proxecto técnico que se comezará a redactar en breve, logo de que se formalicen os trámites administrativos pertinentes para a cesión dos terreos por parte do Concello.

Segundo explicou o conselleiro de Educación, a previsión coa que traballa a Consellería é licitar e comezala obra no segundo trimestre de 2019 co fin de que este novo CEIP estea a disposición da comunidade educativa ao longo do curso 2020-21.

Román Rodríguez salientou que con esta importante dotación dáse resposta á demanda educativa nesta zona, xa que a comunidade vai contar cunha infraestrutura totalmente nova e adaptada aos actuais requisitos construtivos e de eficiencia enerxética.

Ademais da construción desta nova infraestrutura escolar, Román Rodríguez lembrou que este mesmo ano se levará acabo a reparación da cuberta do CEIP de Noalla-Telleiro, á que se destinan 60.500 euros, e a reforma da instalación eléctrica do CEIP A Florida, cun orzamento de preto de 43.000 euros.

Así mesmo, o conselleiro lembrou que o seu departamento leva investidos máis de un millón de euros nos últimos anos na mellora das infraestruturas educativas no Concello de Sanxenxo, entre as que destaca o ano pasado a construción da soleira para a pista polideportiva do CEIP A Florida (cun orzamento de preto de 50.000 euros) ou a reparación do pavillón do IES de Sanxenxo (con mais de 31.000 euros).