A Consellería de Educación vén de incorporar 60 novos recursos ao repositorio de contidos dixitais do espazoAbalar

Esta ferramenta para integración das TIC no ensino aproxímase así aos 800 contidos

A plataforma web do Proxecto Abalar está a gozar dun gran éxito entre a comunidade educativa, e conta xa con 85.000 visitas

Nas vindeiras semanas porase en marcha unha nova versión do espazoAbalar, con novas funcionalidades para os usuarios

Dom, 08/05/2011 - 11:00
A Consellería de Educación vén de incorporar 60 novos recursos ao repositorio de
A Consellería de Educación vén de incorporar 60 novos recursos ao repositorio de contidos dixitais do espazoAbalar

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de incorporar 60 novos recursos ao Repositorio de Contidos Dixitais do espazoAbalar, a plataforma web do proxecto de integración das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación ela Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Desta forma o repositorio achégase aos 800 contidos, que están a ter unha grande acollida entre os membros da comunidade educativa. De feito, as descargas destes contidos superan xa as 60.000, desde que o repositorio se puxera en marcha o pasado mes de novembro.

Cómpre lembrar que o portal espazoAbalar é accesible para toda a comunidade educativa de centros sostidos con fondos públicos, independentemente de que estean ou non participando no presente curso o Proxecto Abalar.

Novo espazoAbalar

Desde a súa posta en marcha a finais do mes de outubro o espazoAbalar recibiu máis de 85.000 visitas. A plataforma, creada para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa, está en permanente evolución, e está previsto que nas vindeiras semanas se poña a disposición dos usuarios unha versión que incorpora novidades funcionales e técnicas.

Deste xeito haberá un novo espazoCentros, que permitirá aos responsables do centro educativo enviar comunicacións ás familias e aos profesores.

Ademais ábrese a posibilidade de incluír vídeos no portal, unha funcionalidade que se estrea cun videotitorial sobre a montaxe do encerado dixital e o canón proxector e recomendacións de mantemento.

O novo espazoAbalar incluirá ademais novas funcionalidades que amplían as posibilidades tanto das novas como da visualización dos contidos, a posibilidade de subscrición mediante RSS ás novas do portal, e un apartado de Preguntas Frecuentes (FAQ) para que aquelas dúbidas e preguntas que se veñen resolvendo de forma habitual por outras canles.