Román Rodríguez sinala a actualización continua do profesorado como peza fundamental da calidade educativa

O conselleiro presidiu hoxe a entrega dos Premios a Proxectos de Formación permanente do Profesorado en Centros
O obxectivo dos galardóns é dar recoñecemento ás boas prácticas neste eido e fomentar que os centros docentes desenvolvan proxectos propios neste sentido
Mar, 12/06/2018 - 13:18

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a entrega dos Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado en Centros 2017 a sete centros públicos de toda Galicia. En concreto, os centros premiados son, pola provincia da Coruña, os CEIPs Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Barrié de la Maza (Santa Comba) e Plurilingüe O Ramo (Fene). Na provincia de Lugo acadou o galardón o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo); na de Ourense o CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio (Vilar de Barrio); e na de Pontevedra o IES de Sanxenxo (Sanxenxo) e o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán).

Cada un dos centros galardoados obtivo unha asignación extraordinaria de 2000€ sobre o concedido para o desenvolvemento do plan. Así mesmo, concédese unha mención especial aos mellores proxectos de formación de entre os premiados (CEIP Plurilingüe O Ramo e IES de Sanxenxo), consistente nunha asignación extraordinaria de 1000€.

 

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou a aprendizaxe e actualización do persoal docente como unha das pezas fundamentais para que un territorio poida ter un sistema educativo de calidade. “A excelencia do ensino galego depende, en grande medida, dos seus profesionais, porque a calidade dun sistema educativo é igual á calidade dos seus docentes", dixo.

Case 3.000 actividades formativas

Román Rodríguez salientou a aposta do seu departamento pola aprendizaxe continua do docentes a través da Rede de Formación Permanente do Profesorado, que no pasado curso organizou máis de 2.800 actividades formativas, o que supuxo un incremento do 26% con respecto ao curso 2015/2016, que chegaron a máis de 20.000 docentes, o que representa o 60% do total do profesorado de Galicia. Ademais, estas accións tiveron unha valoración de 4,3 puntos sobre 5.

O conselleiro felicitou, así mesmo, os centros galardoados, “cuxo magnífico traballo debe ser un referente para o conxunto da comunidade educativa galega”.

O obxectivo desta convocatoria é valorar a participación de grupos de docentes en proxectos de formación en centros que afecten cualitativamente ao ámbito organizativo e de xestión dos centros, á contorna familiar e institucional ou á elaboración e uso de recursos multimedia interactivos, que promovan novas formas de pensar, de traballar e novas ferramentas. Deste xeito, preténdese dar recoñecemento ás boas prácticas e fomentar que os centros desenvolvan, a través destes plans, aqueles aspectos que permitan a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais dos docentes para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares.

Implicados 7 de cada 10 centros

Este curso sete de cada dez centros de ensino públicos (un total de 688 centros) desenvolven durante este curso un Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) con unha ou máis liñas formativas, plans que teñen como obxectivo perfeccionar as competencias profesionais dos docentes. Para iso, cada centro desenvolve actividades centradas nas súas necesidades, ao tempo que se propicia unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. A Consellería presta o seu apoio económico e humano a estes plans de formación a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos centros de formación e recursos (CFR).

Para a concesión dos premios valorouse o contido innovador e transferibilidade do proxecto, os recursos tecnolóxicos utilizados, o traballo multidisciplinar e en equipo, o grao de implicación da comunidade educativa, os recursos aportados á comunidade e o desenvolvemento das competencias profesionais docentes a través destes proxectos. Así mesmo, tívose en conta a existencia  dun sistema de avaliacións relativo á implantación e desenvolvemento do proxecto e o nivel de logro acadado.