Máis de 2500 nenos e nenas deciden as obras gañadoras dos premios Martín Sarmiento

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta tarde na entrega dos galardóns deste certame convocado por Escolas Católicas co apoio da Consellería de Cultura e Educación

Este ano foron recoñecidos libros de Luis Prego, Ánxeles Ferrer, Helena Villar Janeiro, Xoán Babarro, Francisco Díaz Valadares, Miguelanxo Prado e Antón Riveiro Coello

No acto entregáronse tamén os premios de audiovisual REC.Curta

Ven, 04/05/2018 - 18:57

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde no acto de entrega dos premios Martín Sarmiento e REC.Curta organizados por Escolas Católicas co apoio da Consellería de Cultura e Educación.

Valentín García referiuse ao magnífico estado da literatura infantil e xuvenil galega, grazas a “autores que, ademais de facer as delicias dos nenos e mozos da nosa terra, que aprenden a falar e a querer a lingua en que están escritas as súas historias preferidas, levan a cultura nosa  polo mundo adiante con éxito crecente”.

O responsable de Política Lingüística estivo acompañado neste acto por Juan Manuel Buján, presidente de Escolas Católicas de Galicia.

Premios Frei Martín Sarmiento

Os premios Frei Martín Sarmiento, que chegan este ano á súa décimo cuarta edición, recoñecen obras literarias en galego seleccionadas polo alumnado e as familias dos centros educativos de Escolas Católicas. Máis de 2500 estudantes leron as novelas finalistas e emitiron o seu voto para seleccionar as gañadoras.

O favor do alumnado que participou como xurado recaeu este ano en Luis Prego por Xogos musicais (categoría de infantil), Ánxeles Ferrer por O sombreiro do mago (primeiro e segundo de primaria), Helena Villar Janeiro por Contos do sol e da lúa (terceiro e cuarto de primaria), Xoán Babarro por Hilario e os tres medos (quinto e sexto de primaria), Francisco Díaz Valadares por Tras a sombra do bruxo (primeiro e segundo de ESO), Miguelanxo Prado por Presas fáciles (terceiro e cuarto de ESO) e Antón Riveiro Coello por A ferida do vento (bacharelato e adultos).

Certame de curtas de ficción

REC.Curta é un certame de curtametraxes en galego, con temática de ficción, para alumnos e alumnas de ensino secundario obrigatorio e bacharelato. Cada ano incrementa o número de participantes, así como a calidade das obras presentadas.

Nesta edición, na categoría de alumnado de primeiro, segundo e terceiro da ESO foi premiada a curtametraxe Pezas, do colexio Padres Franciscanos de Lugo. Na categoría de cuarto da ESO e bacharelato, o traballo seleccionado foi Cartas a ti, raíña, realizado por estudantado do colexio Calasanz-Escolapios da Coruña. Ambas poden verse en www.escolascatolicas.es.

Colaboración a prol da normalización lingüística

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten un convenio de colaboración con Escolas Católicas en materia de normalización lingüística que inclúe, a canda estes premios, diversas iniciativas de promoción do galego entre o persoal e o alumnado dos centros da federación.

Menús News node R