Educación abre o prazo para participar o próximo curso no programa de seccións bilingües e Cuale

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020

Mar, 17/04/2018 - 11:26

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe a convocatoria para que os centros públicos que o desexen soliciten a incorporación de novas seccións bilingües para o curso 2017/18.

Así mesmo, ábrese o pazo para participar no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (CUALE), ao abeiro do que o  alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia poderá preparar as probas de certificación das EOI dos niveis das ensinanzas especializadas de idiomas.

Seccións bilingües

Os centros que desexen implantar unha sección bilingüe deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede no enlace http://www.edu.xunta.gal/programaseducativos . O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de maio de 2018.

A solicitude deberá incluír, entre outros datos, as áreas, materias ou módulos para os que se solicita o programa, as etapas e cursos en que se desenvolverá, a lingua estranxeira de elección, un breve proxecto e o número de alumnos participantes na iniciativa. No referido ao profesorado, xuntarase, de ser o caso, a xustificación acreditativa da súa competencia lingüística no idioma estranxeiro correspondente ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (MCERL).

Na última convocatoria incorporáronse ao programa 231 novas seccións bilingües en 111 centros educativos de Galicia, dos cales 34 eran novos centros.

CUALE

A formación que reciba o alumnado será totalmente gratuíta e realizarase fóra do horario lectivo. O CUALE desenvolverase baixo 4 modalidades diferentes, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do MCERL. Así, poderán cursar a modalidade CUALE A1 os estudantes que teñan superado todas as materias do 2º curso da ESO e que estean matriculados no 3º, mentres que a CUALE A2 está dirixido aos que superaran todas as materias de 3º da ESO e estean matriculados no 4º curso, así como aos inscritos en ciclos formativos de FP de grao medio de menos de 2.000 horas.

Pola súa banda, o CUALE B1 vai dirixido ao alumnado de bacharelato, de ciclos de grao medio de FP de 2.000 horas e de grao superior de menos de 2.000 horas, así como o que posúa o certificado do nivel básico das escolas oficiais de idiomas (EEOOII) ou outros certificados do nivel A2 do MCERL. Os cursos CUALE B2 serán para as alumnas e alumnos de bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas, e para os que dispoñan do certificado do nivel intermedio das EEOOII o outros certificados do nivel B1 do MCERL.

O profesorado encargado de impartila, docentes de ensino secundario de lingua estranxeira, realizará probas ao remate do curso en cada nivel. A superación destas probas suporá a expedición por parte do centro dun certificado, no caso do nivel básico do CUALE A1, ou dun certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación que se realizarán nas EEOOII, no resto das modalidades. Para a obtención do certificado oficial dos niveis básico, intermedio ou avanzado será necesario que os estudantes superen as probas específicas que as EEOOII realizan cada ano, para as que os prepara o CUALE.

Os centros que desexen implantar o programa CUALE deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede no enlace http://www.edu.xunta.gal/programaseducativos . O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 10 de xuño de 2018. No presente curso escolar 2017/18 incorporáronse ao programa CUALE 27 novos centros educativos.

EDUlingüe

As convocatorias enmárcanse na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2020 (EDUlingüe), para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, na que se contemplan medidas e accións para a mellora da competencia lingüística en linguas estranxeiras do alumnado galego do que se se están a beneficiar xa preto de 100.000 alumnos e alumnas de toda Galicia a través de 322 centros plurilingües e 4.145 seccións bilingües.

A nova estratexia pretende alcanzar os 500 centros plurilingües en 2020, crear 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000. Ademais, e co fin de recoñecer os coñecementos do alumnado, este mesmo curso promoverase que certifiquen o seu nivel de idioma ao remate de ESO e Bacharelato. Así mesmo, xa está en marcha un plan de formación específico sobre linguas estranxeiras para o profesorado.