Educación sitúa as universidades galegas na vangarda da eficiencia, especialización e excelencia do sistema español

O secretario xeral de Universidades da Consellería debulla o novo Plan de excelencia ata 2020, que impulsa graos interuniversitarios, en inglés, mellora en ránking internacionais e premios para o alumnado e o profesorado máis excelente

Díez de Castro destaca a estabilización do SUG no ámbito do financiamento, a oferta académica –a través do novo mapa de titulacións ata 2021– e a investigación

Mar, 13/03/2018 - 20:13

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, puxo en valor esta mañá no Parlamento galego o traballo de colaboración que está levando a cabo a Xunta e as tres universidades para situar ao Sistema Universitario de Galicia (SUG) na vangarda do sistema español en canto a eficiencia, especialización e excelencia, tanto académica como investigadora. Neste sentido dixo que, na actualidade, o SUG defínese por un marco de financiamento estable ata 2020, por unha estratexia consolidada de especialización de campus segundo as necesidades da contorna, por unha investigación vinculada á excelencia, así como por un acceso equitativo aos estudos.

De feito, no presente ano 2018, o plan de financiamento inclúe 420 millóns de euros para as universidades galegas, “o máximo histórico de financiamento universitario”, salientou Díez de Castro. “E cun SUG estabilizado en orzamentos, oferta académica e investigación, semella oportuno abordar melloras para incrementar a calidade do sistema”, abondou.

Neste sentido, o secretario xeral de Universidades lembrou a posta en marcha do novo mapa de titulacións ata 2021 –un feito inédito en España, que busca dar resposta ás necesidades do alumnado e da sociedade– e debullou as dez medidas que conforman o Plan de excelencia do Sistema Universitario de Galicia, presentado o pasado mes de novembro.

Primeiros graos en inglés no SUG

En concreto, recordou que o primeiro grao interuniversitario, o de Paisaxe, comezará a ofertarse neste vindeiro curso 2018/19 nas universidade da Coruña e de Santiago. Así mesmo, no vindeiro mes de abril, as universidades comunicarán á Consellería o grao elixido para comezar coa segunda acción prevista neste Plan de excelencia: os graos en inglés. Cómpre destacar que non se trata de títulos ex-novo, senón que se plantexa a creación dun grupo en inglés dentro do título. Neste caso, o 80% dos créditos obrigatorios do título deberán ser impartidos en lingua inglesa, mentres que será preciso que o grupo conte, polo menos, cun mínimo de 20 alumnos en 1º curso. Ademais, a proposta da universidade debe incluír o compromiso de impartir o grupo para os catro anos de duración do título.

A terceira acción pasa por mellorar nalgún criterio dos principais ránking internacionais: Academic Ranking of World Universities (coñecido como ránking de Xangai), Times Higher Education ou QS World University Rankings. Tamén no vindeiro mes de abril, cada universidade fará chegar a súa proposta de mellora, incluíndo o contido e descrición da acción, así como o impacto previsto nos seus resultados nun prazo temporal de tres anos.

Así mesmo, o Plan de excelencia inclúe a elaboración dun mapa de empregabilidade con información útil sobre a oferta académica para o futuro alumnado universitario e as familias galegas. O documento incluirá datos sobre o tempo medio en rematar a carreira, en atopar o primeiro emprego, tipo de cotización á seguridade social, etc.

Accións pioneiras sobre alumnado, profesorado e másters  

A quinta acción supón a posta en marcha da Bolsa Concepción Arenal á excelencia académica, que ten por obxectivo premiar ao alumnado máis excelente do SUG, curso a curso, con ata 1000 euros. Estará destinada a estudantes de 1º, 2º e 3º de grao que superen, en primeira convocatoria, a totalidade dos créditos programados para ese curso. Trátase dunha iniciativa pioneira en España que está previsto convocar e conceder ao longo do curso 2018/19.

Pola súa banda, a sexta iniciativa pasa por crear un novo complemento retributivo autonómico para o profesorado universitario estabilizado que realice actividades de transferencia de coñecemento á sociedade. O fin último desta medida, tamén de carácter pioneiro en España, é incentivar que as investigacións dos docentes revertan na sociedade galega para favorecer así o progreso socio-económico e mellorar o benestar dos galegos e galegas. A previsión é facer a primeira convocatoria en 2019.

A sétima acción, igualmente novidosa no Sistema Universitario Español (SUE) son os másters oficiais de excelencia. En concreto, recibirán unha mención específica aqueles que reúnan unha conxunción de alta calidade docente e/ou investigadora, forte internacionalización, demanda laboral e profesorado destacado. Esta distinción levarase a cabo mediante convocatoria anual a partir de 2019 e terá unha validez de cinco anos.

Internacionalización e captación de alumnado iberoamericano

Pola súa banda, e dentro do obxectivo de fomentar a internacionalización, desenvolveranse, en conxunto coas tres universidades, misións de atracción de coñecemento en Iberoamérica para atraer alumnado de grao e máster. De feito, as actuacións xa se están levando a cabo en coordinación coa Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaria Xeral para o Coñecemento e a Educación Superior en Iberoamérica (SEGIB), en base ao memorando asinado en maio de 2017.

Neste sentido, en novembro de 2017 organizouse unha misión da Consellería e dos tres reitores galegos a Guadalajara (México) para intensificar as relacións coas universidades iberoamericanas, unha viaxe onde tamén se deu a coñecer que a segunda Cumbre Académica y del Conocimiento CELAC-UE (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños e a Unión Europea) se celebrará en Galicia, concretamente en 2019 en Santiago de Compostela.

Formación para os centros de investigación

No eido científico, a maiores do fomentar a transferencia de coñecementos, poñerase en marcha un programa formativo en xestión estratéxica orientado aos responsables dos centros de investigación de referencia, unha iniciativa na que se contará cun panel de relatores nacionais e internacionais do máis alto nivel e cunha dirección académica moi prestixiosa. O programa, que se desenvolverá mediante convenio con Feuga (Fundación Empresa-Universidade Gallega), abranguerá os vindeiros tres cursos académicos.

A décima e última medida pasa por definir os perfís profesionais de futuro para a economía galega dos vindeiros anos, unha acción que se realizará tamén mediante convenio con Feuga. En función desta análise, deseñaranse novos graos e máster a partir de 2021 que aseguren as competencias necesarias para desenvolver estes perfís, estimando as necesidades materiais e humanas.

Este conxunto de dez accións constitúe –xunto co mapa de titulacións moderno e adaptado á sociedade, cun plan de financiamento estable ata 2020 e cun modelo de investigación de vangarda–, un dos catro piares que axudan a construír a Universidade galega do século XXI. Unha universidade definida pola eficiencia, pola equidade, pola especialización e pola excelencia.