O CEIP Plurilingüe de Carballedo inaugura a súa radio escolar
O conselleiro de Educación felicitou ao centro pola posta en marcha deste espazo, no marco do programa ‘Radio na biblio’, impulsado polo seu departamento
Lun, 19/02/2018 - 15:33

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración da radio escolar do CEIP Plurilingüe de Carballedo, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, un espazo que se pon en marcha no marco do programa Radio na Biblio, impulsado polo departamento educativo da Xunta de Galicia dentro do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares 2016/2020. No seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo director do mesmo, Francisco Javier Guimarey Mariño; polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e mais polo alcalde, Jorge Cubela.

Román Rodríguez felicitou ao centro polo traballo desenvolvido nos últimos meses e gabou o esforzo e implicación do profesorado e equipo directivo para poñer en marcha iniciativas que van máis aló do currículo lectivo. Neste sentido, lembrou que os centros educativos galegos están a traballar con éxito nas múltiples iniciativas que se desenvolven ao abeiro do Plan LÍA e que converteron a Galicia nun referente en materia de bibliotecas escolares.

Non en balde, o éxito das medidas postas en marcha a través xa da anterior fase do Plan (en funcionamento no período 2010/2015) quedou reflectido na estatística sobre bibliotecas escolares que publicou o Ministerio de Cultura, Educación y Deporte no curso 2015/2016, que mostra resultados para Galicia superiores á media na meirande parte dos ítems. Deste xeito, Galicia destaca na porcentaxe de centros públicos que utilizan a súa biblioteca para o tratamento da información e a competencia dixital (o 65,5%), que ofertan formación específica para as persoas usuarias (fano oito de cada dez centros públicos) , programan encontros literarios (o 80,7% dos centros), involucran directamente ás familias nas súas actividades, ou deseñan accións especificas de atención á diversidade, entre outras.

Cast@_radio

Cast@_radio é o nome escollido polo CEIP Plurilingüe de Carballedo para dar nome ao proxecto co que fan realidade a súa participación en Radio na biblio, un proxecto piloto a través do que 20 centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria están a poñer en funcionamento un laboratorio de radio nas súas respectivas bibliotecas escolares. Para tal fin, habilitouse un pequeno espazo no que se instalou unha mesa similar á dun estudo de radio real, de tal forma que os escolares tomen contacto con micrófonos, auriculares... e boa parte das ferramentas que se empregan nas emisoras.

Ademais, para ir tomando contacto, o CEIP recibiu a visita de dous membros da asociación Ponte nas Ondas de Pontevedra, cos que o alumnado de 5º e 6º realizou un obradoiro de radio. Nesta actividade os estudantes aprenderon a interpretar un texto na radio ou o manexo dun programa de edición de audio, e mesmo elaboraron un programa piloto.

Radio na biblio

Un total de 20 centros educativos de toda Galicia participan na primeira edición de Radio na biblio, que ten como obxectivo que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Procúrase, igualmente, estimular o papel das bibliotecas escolares como “centros creativos de aprendizaxes”, tal e como establece o Plan Lía 2016/20.

Así mesmo, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa.

Robótica e E-Dixgal

Ademais, o conselleiro comprobou como o alumnado e profesorado deste centro está a traballar co kit recibido ao abeiro da súa participación no programa da Consellería Introdución á robótica educativa en primaria, no que este curso participan 111 centros e do que se benefician máis de 10.000 alumnos. A través desta iniciativa os alumnos, ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballan as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).

En concreto, o material está conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permiten a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica. Os centros poden empregar este material, dentro da súa autonomía, de diversas maneiras: dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

Este centro está desenvolver varias liñas de actuación a través destes materiais, en concreto relacionadas coa arte, a programación e o deseño 3D. De feito, un dos proxectos que teñen previsto desenvolver, PA-S.O.S, consiste en deseñar e realizar calzado ecolóxico, empregando o deseño gráfico e a programación e, unha vez elaborado, envialo a un país desfavorecido, co obxectivo de fomentar a conciencia solidaria.

O CEIP Plurilingüe de Carballedo é un dos 154 centros que participan en Galicia no programa de libro dixital E-Dixgal, que este curso está a ver o seu equipamento renovado. De feito, na provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4982.