Galicia é a cuarta comunidade autónoma en número de alumnos que se examinan do DELF escolar
A Consellería de Cultura e Educación acaba de abrir o prazo de matriculación nestas probas, no marco do Convenio de colaboración coa Embaixada de Francia
Na convocatoria de 2017, máis do 90% dos presentados acadaron a certificación á que aspiraban
Sáb, 17/02/2018 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria acaba de abrir o prazo de matrícula nas probas do DELF Escolar (Diplôme d’Études en Langue Française), un recoñecemento oficial de lingua francesa expedido polo Ministerio de Educación Nacional do país veciño e homologado internacionalmente por 174 países. Cómpre sinalar que estes diplomas teñen a mesma validez oficial que o DELF para adultos, con temas adaptados aos adolescentes e unha duración indefinida.

Estas probas, que se realizarán por segundo ano consecutivo nos centros educativos públicos de Galicia, enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería e o Servizo de Cooperación e de Acción Cultural da Embaixada de Francia en España. Esta iniciativa supuxo, xa na primeira convocatoria das probas, un incremento do 200% no número de candidatos, un total de 621, de tal forma que Galicia se situou no cuarto posto por número de inscritos a nivel estatal.  Cómpre salientar, ademais, que máis do 90% dos examinados acadaron a certificación á que aspiraban, chegando a máis do 99% de éxito nas probas do nivel A2 e o 97% nas probas do nivel B1.

Tras pechar o período de preinscricións para a edición 2018, continúa incrementándose o interese por este tipo de probas, estando previsto un incremento de 20% no número de candidatos/as que supera os 750 preinscritos. Tamén é salientable a participación de 19 centros educativos novos.

Prazos e lugares

O prazo para matricularse nestas probas estará aberto ata o 28 de febreiro de 2018, e os exames desenvolveranse os días 25 de abril (para o nivel B1) e 26 de abril (para os niveis A2 e B2); mentres que as orais individuais realizaranse entre o luns 16 de abril de 2018 e o venres 18 de maio de 2018.

Os candidatos pode presentarse directamente ao diploma correspondente ao seu nivel, dentro dos devanditos 3 ofertados - A2, B1 e B2- do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Cada diploma avalía as 4 destrezas lingüísticas: comprensión e expresión escritas, comprensión e expresión orais. A superación da media (50 puntos sobre 100) permite obter o diploma; aínda que se esixe unha nota mínima de 5/25 n cada destreza.

Os centros de realización das probas do DELF Escolar serán os IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo), Eduardo Blanco Amor (Ourense), Sánchez Cantón (Pontevedra) e de Teis (Vigo).