A Xunta e a Asociación DOA colaborarán na atención do alumnado en risco de trastorno mental grave

O conselleiro de Educación e o presidente desta entidade asinaron hoxe un convenio de colaboración centrado na formación do profesorado e a orientación sobre o tratamento educativo

Mar, 06/02/2018 - 12:28
A Xunta e a Asociación DOA colaborarán na atención do alumnado en risco de trastorno mental grave

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente da Asociación DOA Saúde Mental, Leopoldo Robla; asinaron hoxe un convenio de colaboración ao abeiro do que ambas as entidades colaborarán na atención do alumnado en risco de trastorno mental grave. Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa atención á diversidade do estudantado, no marco da súa aposta por unha educación máis inclusiva, na que se teñan en conta e se atendan todas as circunstancias do alumnado e, deste xeito avanzar nun sistema máis equitativo e de calidade.

Neste sentido cómpre lembrar que o departamento que dirixe Román Rodríguez vén colaborando con diversas entidades e asociacións especializadas na atención a colectivos con necesidades educativas específicas para deseñar unha acción educativa integral adaptada ás súas particularidades; tanto para a súa atención educativa, como para a prestación de servizo complementarios como os de transporte e comedor escolar.

Ao abeiro deste acordo os profesionais da Asociación DOA poderán prestar asesoramento na atención educativa ao alumnado en risco de trastorno mental grave escolarizado nos centros educativos dependentes da Consellería, así como ao seu profesorado e familias. Este asesoramento poderá contemplar tanto actuacións de carácter preventivo como de orientación sobre metodoloxías axeitadas á intervención educativa, sobre a avaliación destes estudantes e sobre as adaptacións curriculares que se estimen necesarias.

A solicitude de colaboración do persoal de DOA deberá realizarse por parte do centro docente e o profesorado titor –ou, se é o caso, o designado pola dirección do centro- será o responsable de coordinar as actuacións concretas.

Asemade, ambas as partes colaborarán en accións relativas á formación do profesorado e na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado en risco de trastorno mental grave.