O IES Campo de San Alberto (Noia) recibe o primeiro premio do certame nacional Miguel Hernández

É a primeira vez que estes galardóns, que recoñecen o labor de institucións, entidades e centros educativos en materia de aprendizaxe ao longo da vida, se entregan fóra da capital do Estado

Ven, 26/01/2018 - 14:46

O secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, Marcial Marín; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a directora general de FP do Ministerio, Mª Rosalía Serrano Velasco; fixeron hoxe entrega dos galardóns Miguel Hernández, que nesta ocasión recoñeceron o traballo do IES Campo de San Alberto (Noia, primeiro premio), da Fundación El Tranvía (Zaragoza, segundo premio) e do Centro de Educación de Persoas Adultas Sierra Norte (Torrelaguna, Madrid, terceiro premio).

Estes premios que o Ministerio convoca desde 1991, teñen como obxectivo recoñecer e divulgar o labor realizado por institucións públicas, entidades privadas sen ánimo de lucro e centros públicos de educación de persoas adultas de todo o Estado que se distingan por ofrecer unha educación e formación permanente innovadora de calidade ás persoas adultas, pola súa achega eficaz nas diferentes formas de alfabetización, por favorecer o acceso á educación e á formación dos grupos socialmente desfavorecidos e en situación de vulnerabilidade, por contribuír ao desenvolvemento das  competencias clave, por desenvolver accións cuxo obxectivo sexa o de mellorar o nivel educativo e a formación deste colectivo para facilitar o desenvolvemento persoal, social e profesional na actual sociedade do coñecemento e por favorecer a formación das persoas maiores. É a primeira vez que estes galardóns, de carácter estatal, se entregan nun acto celebrado fóra da capital do Estado.

As mencións especiais Julián Sanz del Río foron para a Fundación Elche Acoge da Comunidade Valenciana (Elche, Alicante) e para as devanditas Fundación El Tranvía e Centro de Educación de Persoas Adultas Sierra Norte. Cómpre sinalar que estas mencións outórganse aos tres proxectos que representan as mellores iniciativas nacionais presentadas na alfabetización de adultos nalgunha das súas formas – tradicional, dixital audiovisual ou informacional-, nas que a aprendizaxe é unha prioridade e unha ferramenta básica e necesaria no proceso de integración, que permite eliminar as barreiras que dificultan formar parte dunha cidadanía activa, plena e crítica. As tres iniciativas recoñecidas con esta mención representarán a España nos Premios Internacionais de Alfabetización que anualmente convoca a Unesco para recoñecer a excelencia e innovación neste ámbito.

No acto participaron tamén o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira, a subdirectora xeral de AprendizaJe a lo Largo de la Vida y Educación a distancia do Ministerio, Esther de Andrés, o alcalde de Noia, Santiago Freire; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e os representantes das entidades galardoadas.

Ampla oferta para adultos

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da educación para adultos, que achega, sen barreiras, a educación a todos os cidadáns, promove a aprendizaxe ao longo da vida e facilita máis oportunidades ás persoas, en especial ás maiores. Neste sentido o conselleiro explicou que proxectos como os premiados contribúen a xeralizar o acceso á información por parte das persoas adultas, favorecen a integración social e constitúen exemplos e modelos a seguir para as comunidades educativas de toda España. Non en balde, un dos proxectos premiados no ano 2014, do Centro de Educación Permanente Polígono Sur de desarrollo comunitario, obtivo un dos Premios Internacionais de Alfabetización da UNESCO.

O conselleiro explicou ademais que Galicia conta cunha oferta pública de educación de persoas adultas gratuíta e de calidade, que están cursando preto de 6500 alumnos e alumnas. Ademais, mantense colaboración con entidades como a Fundación ECCA, coa que se desenvolve un programa formativo que, a través de emisións radiofónicas de contidos educativos, axuda ás persoas adultas a obter o graduado en ESO. Asemade, Galicia coopera directamente co Ministerio nas Aulas Mentor, que ofertan unha ampla gama de cursos mediante o uso das novas tecnoloxías que permiten actualizar o perfil profesional, potenciar o acceso ao emprego e aumentar a formación básica. Neste momento existen en Galicia unhas 20 Aulas Menor, nas que reciben formación 460 persoas.

Proxectos premiados

Faros e estacións. Viaxe a Ítaca é o proxecto que fixo gañador ao noiés IES Campo de San Alberto, un proxecto europeo desenvolvido en colaboración con varios socios (Croacia, Grecia, Portugal e Eslovenia) co obxectivo de elaborar unha Guía Pedagóxica sobre Cine e Emigración. O traballo estuda o fenómeno da emigración desde un enfoque globalizador e multidisciplinar, combinando a dimensión histórico-artística dos conceptos de cine e emigración en todas as súas vertentes: humana, lingüística, económica, política, laboral...

A proposta valorouse como un bo exemplo de traballo por competencias, así como de aprendizaxe baseado en actividades interdisciplinares, motivadoras e interxeracionais, co uso da investigación e as metodoloxías innovadoras como ferramenta. Así mesmo, destacouse que o proxecto promove un sentimento de cidadanía europea, igualdade de xénero e diálogo intercultural a través do cine, ao tempo que sirve para xerar sinerxías positivas no profesorado.

A Fundación El Tranvía foi merecedora do segundo premio e unha mención especial polo seu labor no Centro de Inserción Sociolaboral para Mulleres Tramalena, que favorece o crecemento persoal, educativo, comunitario e a inserción de mulleres en situación de gran vulnerabilidade e risco de exclusión social, inmigrantes na súa maioría. O traballo parte desde a diversidade como valor e coa integración como fin e traballa coa itinerarios individualizados e flexibles que inclúen tanto a educación e orientación como o apoio á inserción laboral. Para outorgarlles estes recoñecementos, valorouse tamén o incremento da autoestima e do empoderamento que se promove nos participante, esenciais para proporcionarlles unha mellor calidade de vida e unha completa integración social.

O terceiro premio –tamén mención especial-, outorgado ao proxecto Mellora da Aprendizaxe a través das TIC nun centro Comarcal de Educación para Adultos, do Centro de Educación de Persoas Adultas Sierra Norte; recoñece a aposta pola innovación pedagóxica e tecnolóxica mediante a introdución na aula de metodoloxías como a clase invertida e o ensino baseado en proxectos que integran ao conxunto do alumnado, rompendo as barreiras entre as diferentes etapas educativas. Cómpre salientar que as TIC estenden o proceso máis aló da aula, o que favorece unha aprendizaxe activa. Así mesmo, a iniciativa comprende experiencias de intercambio de boas prácticas entre alumnado e profesorado de distintos centro, para propiciar o coñecemento de outras realidade culturais e educativas, enriquecendo as habilidades sociais dos estudantes.

Igualdade de oportunidades

Ademais, outra das mencións especiais recaeu na iniciativa Enseñanza de Español como Lengua Extranjera para Personas Adultas Inmigrantes, da Fundación Elche Acoge da Comunidade Valenciana, que ten como obxectivo realizar un programa educativo de integración sociolaboral que abrangue desde unha educación e formación permanente gratuíta, innovadora e de calidade que deseña itinerarios formativos personalizado, ata a participación social activa de mulleres inmigrantes e persoas en situación de vulnerabilidade; todo desde a perspectiva de xénero con políticas de igualdade de oportunidades para promover o empoderamento das mulleres e o progreso na igualdade efectiva entre homes e mulleres.