Educación e o Colexio de Informática colaboran para afianzar as competencias matemática e científica entre o alumnado

Renovan un ano máis as iniciativas “Navega con Rumbo” e “Programación nas Escolas”, que chegarán a aproximadamente a 250 centros escolares
Esta actividade responde a unha das liñas estratéxicas da Consellería, que é reforzar as vocacións STEM entre os rapaces, materializada na Estratexia de Educación Dixital 2020
Lun, 15/01/2018 - 14:57

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mailo presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez, asinaron hoxe a renovación do acordo para continuar cos programas “Navega con Rumbo” e “Programación nas Escolas”, co fin de axudar a mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como a desenvolverse dun xeito máis seguro no ámbito tecnolóxico.

Un total de 250 centros escolares colexios e institutos de toda Galicia se beneficiarán este ano de accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos postas en marcha pola Consellería en colaboración co órgano colexiado de Informática.

Este acordo enmárcase dentro dunha das liñas da Estratexia de Educación Dixital 2020 da Consellería de Educación como é a de promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre o estudantado galego, ao tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía.

Navega con Rumbo”

O programa “Navega con Rumbo”, que xa vai pola súa sétima edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias. É dicir, por unha banda está encamiñado directamente aos escolares para guialos cara unha navegación segura, responsable e útil en internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso; e doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.

Para tal fin, o Colexio de Enxeñaría en Informática encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que chegará a uns 200 de toda Galicia. Desde que se iniciou o programa no curso 2010/11, xa se impartiu en 461 colexios e institutos, e nas actividades realizadas ao seu abeiro participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG e dirixidas a alumnos, familias e profesores, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.

Programación nas Escolas”

A outra das iniciativas, “Programación nas escolas”, renóvase por cuarto ano consecutivo tras poñerse en marcha no curso 2014/15 como unha acción pioneira para iniciar aos escolares no pensamento computacional e na programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria (que se suman aos outros 30 da primeira, segunda e terceira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que as rapazas e os rapaces aprenden a programar dun xeito lúdico e proactivo. Para elo, ofrécenselle as ferramentas axeitadas para que comprendan qué é un ordenador, cómo funciona, e cómo eles mesmos poden crear sinxelas aplicacións interactivas como videoxogos ou animacións, entre outros.

Materias de libre configuración autonómica

Na liña de fomentar as vocacións STEM entre o alumnado, cómpre lembrar que desde o curso 2015/16, á proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º de ESO (Uns 118 centros ofertárona este curso, con máis de 4.600 matriculados) e de Robótica en Bacharelato (ofertada por 44 centros e uns 550 alumnos matriculados). A estas materias sumouse este ano a materia “Identidade Dixital” dirixida a 1º e 2º de ESO.

No marco da Estratexia para a Convivencia Escolar en Galicia 2015-2020 (Educonvives.gal) presentáronse recentemente unhas orientacións en materia de identidade dixital para toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias). Trátase de 55 pílulas de vídeo (co apoio dun libro) que abordan dúbidas frecuentes sobre a nosa pegada e interacción dixital e na que tamén colaborou o Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia respostando a algunha das preguntas. Este material está dispoñible en identidadedixital.gal.

Así mesmo, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.