Educación reforza a formación docente en igualdade, convivencia e inclusión cun módulo específico en liña

A Consellería acaba de reabrir esta canle formativa a 6000 profesores, que se suman aos outros 7000 que xa remataron o módulo, polo que se acadarán uns 13.000 profesionais con formación específica neste campo

Este módulo enmárcase no Plan anual de formación do profesorado 2017/18, que responde ás competencias profesionais que debe adquirir un docente e busca acompañar os novos programas educativos ata 2020

Ao abeiro do dito Plan, o curso pasado realizáronse máis de 2.800 actividades formativas que beneficiaron a 20.400 profesores, o 60% do total

Xov, 11/01/2018 - 15:11

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza a formación do profesorado no ámbito da igualdade, a convivencia e a inclusión cun módulo específico en liña que agora se volve abrir a 6000 docentes, que se engaden aos outros 7000 que xa se formaron neste eido no que vai de curso. Por tanto, acadaranse uns 13.000 docentes que reciben formación específica neste campo.

Este módulo enmárcase dentro do Plan anual de formación do profesorado 2017/18, que se estrutura en base ao Marco de competencias profesionais docentes  e introduce unha serie de novidades vinculadas aos novos programas educativos ata 2020 co fin de dar resposta aos novos retos e oportunidades que se plantexan no sistema educativo galego.

Precisamente entre estas novidades está a posta en marcha en todas as liñas de formación dun módulo obrigatorio de acompañamento sobre igualdade, convivencia e inclusión coa intención de que todo o profesorado teña a oportunidade dunha formación básica e actualización nestas materias.

Este módulo sobre Igualdade, Convivencia e Inclusión está orientado a actividades de formación en centros e busca a reflexión sobre aspectos clave da normativa e orientacións nesta materia nos últimos anos. Ten un recoñecemento de 20 horas de formación do profesorado e está aberto ao longo de todo o curso en períodos sucesivos de tres semanas. Ata o de agora realizáronse tres convocatorias: unha primeira piloto, unha segunda cun grupo experimental de 1500 docentes que podían realizar o módulo de xeito voluntario; e unha terceira quenda -agora en marcha- para todo o profesorado.

Cómpre destacar que no pasado curso leváronse a cabo unhas 2800 actividades de carácter, e máis de 20.400 docentes (o 60% do total) participaron nunha o máis actividades deste tipo ao longo do curso.