Cultura e Educación apoiará os mellores proxectos de innovación en dinamización lingüística

O Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo publican hoxe a convocatoria para seleccionar as cinco propostas de traballo de centros escolares públicos que promovan unha maior promoción do galego no ámbito educativo e no contorno dos colexios e institutos

O prazo para presentarse estará aberto ata o 2 de febreiro de 2018

Mar, 19/12/2017 - 19:42

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca no Portal Educativo e no Portal da Lingua Galega a Resolución pola que se convoca a participación en proxectos de innovación en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública durante o curso académico 2017/2018, á que se pode acceder desde www.lingua.gal.

O obxectivo desta disposición é apoiar os cinco mellores proxectos de centro, ou de ata tres centros agrupados, que redunden no uso do galego oral, no achegamento desta lingua ao alumnado estranxeiro e ás súas familias, no apoio ao estudantado neofalante, na colaboración con empresas e entidades externas ao colexio ou instituto para favorecer o emprego e valoración da lingua propia de Galicia, na promoción do seu uso nas tecnoloxías da información e da comunicación ou no fortalecemento dos vínculos coa lusofonía.

O prazo para os centros de ensino públicos presentaren os proxectos estará aberto ata o día 2 de febreiro.

Apoio para o desenvolvemento dos proxectos

Ao abeiro da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, seleccionaranse cinco propostas dinamizadoras de centros de titularidade da Consellería que se consideren excelentes e que se dotarán con 2000 € co fin de que sexa posible levalas á práctica.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos ditos proxectos recibirá apoio e asesoramento para o desenvolvemento das súas propostas. O seu labor será recoñecido cunha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado no caso da persoa coordinadora e de 20 horas para o resto dos docentes participantes.

Equipos de dinamización da lingua galega

Esta convocatoria súmase a outras da Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou deste departamento xunto coa Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa- orientadas a promover a dinamización do galego nos colexios e institutos, dentro e fóra das aulas. Entre elas están as axudas aos equipos de dinamización da lingua, tanto de centros públicos coma privados, o apoio ao Proxecto Didáctico Antonio fraguas, a convocatoria do Concurso-Exposición Letras Galegas ou o programa Nós tamén creamos!

Menús News node R