Vinte mozas e mozos acadan os premios extraordinarios de bacharelato do curso 2016/17

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concede estes galardóns en recoñecemento ao alumnado do sistema educativo galego

Ven, 13/10/2017 - 12:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171013/AnuncioG0164-041017-0001_gl.html) dos premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2016/17, cos que recoñece a excelencia educativa de 20 alumnos e alumnas. Cada galardón está dotado cunha contía de 1000€ e o alumnado que obteña o premio poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. Ademais supón a anotación da distinción no seu expediente académico, a concesión dun diploma acreditativo e a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de bacharelato.

Nesta edición, 12 dos galardoados corresponden a centros da provincia de A Coruña, en concreto: Jorge Manuel Blanco Rodríguez, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña; Erika Calvo Rivera, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Lucía Cuadrado Dorrio, do IES Saturnino Montojo de Ferrol; Jorge Luis Fernández Blanco, do CPR Plurilingüe Cristo Rey da Coruña, Cristina Fernández Lema, do CPR Plurilingüe Compañía de María da Coruña; Laura Meizoso García, do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña; Jacobo Mejuto Pérez, do CPR Plurilingüe La Salle de Santiago de Compostela; Pablo Monteagudo Lago, do IES Plurilingüe Fontexería de Muros; Martín Otero Lema, do IES Plurilingüe Adormideras da Coruña; Jorge Paz Ruza, do IES Concepción Arenal de Ferrol; Margarita Carmen Sarralde Díaz, do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela  e Alba Sendón Blanco do IES Agra de Raíces de Cee.

No caso da provincia de Lugo, houbo dous galardoados, Carlos Rodríguez Ascariz, do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes de Lugo e Carmen Rouco Díaz, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba. Dous foron tamén os premiados da provincia de Ourense, Fernando González Fontanals e Adolfo Güell Domínguez, do IES As Lagoas de Ourense. Finalmente, catro dos premiados proceden da provincia de Pontevedra, en concreto David Búa Teijeiro, Sabela Corral Canda e Nicolá Xoán Le Creurer Quinteiro, os tres do IES Rosais 2 de Vigo e Mariana Cabaleiro Lago, do IES Mendiño de Redondela.

A concesión dos ditos premios supón un recoñecemento ao esforzo e dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego. Non en balde, para concorrer a estes galardóns era necesario ter unha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos.

Ademais, os aspirantes aos premios realizaron unha proba estruturada en dúas partes: a primeira consistente na análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. Na segunda parte desenvolvéronse temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade cursada polo alumnado.